Saltar ao contido principal
Xornal

A USC inicia unha colección de suplementos temáticos para correctores ortográficos

Actualizada: 14-03-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo



 frecuente que o corrector ortográfico que teñamos instalado subliñe en vermello palabras que están ben escritas como autoemprego ou ofimático. O que ocorre é que as marca por mor das súas propias limitacións, xa que traballa a partir dunha lista interna – dicionario- de palabras consideradas correctas coa que comparan o que revisamos. Isto sucede a miúdo en textos que empregan moito léxico técnico, que adoita non estar incorporado aos dicionarios internos dos correctores.

Para mellorar o traballo desas ferramentas de revisión ortográfica de textos en galego, a USC inicia a colección ‘ Suplementos temáticos para correctores’, unha iniciativa do Servizo universitario de Normalización Lingüística (SNL) que ten xa dispoñibles os das áreas de dereito e de economía e empresa e aos que proximamente engadirá o de matemáticas. Paseniñamente, ao longo dos vindeiros meses, iranse publicando suplementos para cada unha das distintas áreas de coñecemento.

Para facilitar a redacción de calidade na nosa lingua á comunidade universitaria, o SNL aproveitou a terminoloxía técnica compilada na bUSCatermos, a base de datos multilingüe da USC, e incorporouna aos correctores ortográficos por medio de dicionarios especializados para as diversas áreas temáticas.

Ao instalalos no ordenador e activalos para revisar un texto en galego, o corrector recoñecerá máis terminoloxía técnica e deixará de sinalala como erro polo simple feito de non figurar nas listaxes de palabras en que busca. Neste caso, ao instalar os dous xa dispoñibles incorpóranse ao dicionario 3.620 palabras da especialidade do dereito e 4.469 da de economía e a empresa.

Os suplementos temáticos da USC funcionan en contornas Windows, Linux e macOS (Apple). A colección difúndese coa licenza CC BY-SA 4.0 de Creative Commons, polo que se poden descargar e compartir libremente, sempre co axeitado recoñecemento.

Como funcionan
Para a contorna Windows os suplementos ofrécense a través dun instalador que simplifica ao máximo o proceso de instalación e activación. Para outros contornas (distribucións Linux, iOS...) cómpre descargar e instalar manualmente os ficheiros dos respectivos dicionarios. Para saber como instalalos e como funcionan, pódese visualizar un pequeno vídeo de explicación.