Saltar ao contido principal
Xornal

Nanogap, exemplo dunha spin-off da USC liderada por mulleres

O vicepresidente da Xunta visitou esta empresa nas súas instalacións de Milladoiro

Actualizada: 15-03-2019 14:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A vicerreitora Victoria Otero e o vicepresidente atenden as explicacións de Tatiana López. Foto: Xunta de Galicia

A empresa Nanogap, dirixida pola química Tatiana López do Río, recibiu este venres a visita do responsable da Vicepresidencia da Xunta de Galicia da que depende a Secretaría Xeral de Igualdade, Alfonso Rueda, como exemplo dunha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela liderada en feminino. Nas instalacións de Milladoiro agardábano a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, e representantes da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento  e do Programa Woman Emprende da USC.

Nanogap Sub-Nm-Powder, que xurdiu como empresa de base tecnolóxica coa axuda de toda a estrutura de apoio ao emprendemento da USC, dedícase á produción de nanopartículas e ao desenvolvemento de clústeres metálicos (nanopartículas de tamaño inferior a 1nm) para aplicacións en campos como a biomedicina e a enerxía.

Creouna en 2006 un grupo de investigadores do Laboratorio de Magnetismo e Nanotecnoloxía da USC Nanomag co obxecto de trasladar ao ámbito empresarial os coñecementos adquiridos durante máis de 20 anos de investigación, así como a explotación comercial dunha patente para a produción de nanopartículas. Na actualidade, o 70 por cento do seu cadro de persoal son mulleres.

Liderada por unha muller e participada pola USC, a empresa contou nos seus inicios co asesoramento e axuda de Woman Emprende, o programa da Universidade de Santiago de Compostela de apoio ás emprendedoras, do programa Empresa Concepto de Uniemprende e do soporte económico de Unirisco. Ademais, neste caso concreto recibe unha axuda do Fondo Galicia Innova Tech.