Saltar ao contido principal
Xornal

A primavera comezará o mércores 20 ás 22.58 horas

Actualizada: 18-03-2019 12:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A primavera no hemisferio boreal comezará o vindeiro mércores 20 ás 22.58 horas. O paso aparente do Sol polo punto Aries, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste, marcará o inicio da nova estación.

Como lembra o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, remata así “un inverno que na comarca de Compostela choveu por baixo da media”. Segundo os rexistros do profesor Docobo, este inverno 2018-19 é o décimo máis seco dos últimos 50 anos en Santiago de Compostela aínda que “os 347,7 litros/m2 recollidos na estación meteorolóxica do Observatorio universitario distan bastante daquel inverno de 2011-12 no que só se mediran 100,8 l/m2”. A media dos últimos 50 invernos en Compostela está en 600 l/m2.

En opinión do director do Observatorio Astronómico da USC, é curioso destacar que dos invernos mais chuviosos desta listaxe de 50 anos houbo catro que pasaron dos mil litros/m2, e tres deles corresponden ao século XXI, “o cal en certo modo desmitifica a crenza popular de que antes chovía mais que agora". Concretamente, estes rexistros producíronse nos invernos de 2000-2001 (1.445,7 l/m2), 2013-2014 (1.202,7 l/m2) e 2009-2010 (1.091,7 l/m2).

Como explica José Ángel Docobo, nestes días “estamos na época do ano na que o Sol está practicamente o mesmo tempo por riba que por baixo do horizonte, saíndo exactamente polo leste e poñéndose xusto no oeste”. A nova estación prolongarase ata as 17.54 horas do 21 de xuño, o que a converte na segunda estación pola súa duración (92,75 dias) logo do verán (93,66 dias).

Durante o período que agora comeza produciranse dúas choivas de estrelas, as Líridas en torno ao 22 de abril e as Eta-Acuáridas no inicio de maio. Serán igualmente salientables algunhas aliñacións de astros, como a da Lúa cos planetas Mercurio, Venus, Xúpiter e Saturno nos amenceres do 30 e 31 de marzo.  Haberá que agardar ao verán para poder contemplar unha eclipse parcial de Lúa.