Saltar ao contido principal
Xornal

A transferencia e as sinerxías entre USC e sociedade, a debate este martes nun foro con empresas na Casa do Saber de Lugo

Representantes do tecido produtivo e da USC participarán, a partir das 10.00 horas, en faladoiros monográficos sobre sector primario, cultura e mobilidade e tecnoloxía

Actualizada: 06-05-2019 13:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Programa do foro 'Lugo cara o futuro'

O foro Lugo cara o futuro, promovido pola USC en colaboración con El Progreso, aborda este martes, a partir das 10.00 horas, na Casa do Saber, as sinerxías e as transferencias existentes entre universidade e sociedade, ao tempo que se reflexionará sobre a orientación que debe ter esta relación nos vindeiros anos para acadar resultados óptimos a prol do desenvolvemento e do benestar social.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abrirá, ás 10.00 horas, esta sesión de análise e debate estruturada en tres faladoiros sobre os sectores produtivos primarios, mobilidade e tecnoloxía e xestión cultural, no marco do que representantes do tecido empresarial e da cultura expoñerán as súas respectivas perspectivas, inquedanzas e opinións, xunto con responsables e persoal técnico da USC.

 

A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Innovación e Transferencia, abrirá a quenda de intervencións da primeira mesa redonda, unha sesión moderada polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e cuxa temática xirará arredor do sector primario. O xerente de Adegas Moure, Evaristo Rodríguez; o director da fábrica de Lactalis en Vilalba, Javier Pozueta; o presidente da asociación LugoMadera, Daniel Díaz Ramos, e Amalia Fernández Cruz, de Pescados Rubén, achegarán a visión empresarial neste faladoiro.

 

O xornalista Arsenio Coto moderará a mesa redonda sobre mobilidade e novas tecnoloxías, un foro no que intervirán como relatores o profesor Alberte Castro Ponte e a técnico da Área de Valorización e Transferencia da USC Patricia González. A directora de proxectos de Norvento, Mari Luz Lozano; o administrador de Agroamb, Severiano Ónega, un representante de Mombus e Marco Rubinos, co fundador da consultoría de enxeñaría medioambiental 3edata, completan o panel de relatores.

 

Un faladoiro sobre cultura e xestión cultural, moderada polo xornalista e escritor Santiago Jaureguizar, dará continuidade a o foro Lugo cara o futuro. A programadora cultural do campus de Lugo da USC, Paloma Lugilde; o director de cine Jorge Coira; o escritor Antonio Reigosa; o presidente da Fundación Novoneyra, Uxío Novoneyra; Celestino Muinelo, da organización do festival FaCeLa Fest, e o directivo da Sociedade Filarmónica Lucense e da asociación de jazz Escobijazz, José Luis Díaz, completan   a quenda de relatores a última mesa de debate.

 

A participación neste foro é libre e de balde ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber de Lugo, cunha capacidade aproximada de 90 persoas. Ao remate das sesións programadas, o reitor da USC, Antonio López, pechará o evento a través do que a USC quere facer visible a súa fonda pegada na sociedade luguesa.