Saltar ao contido principal
Xornal

Aberto o prazo de inscrición para ESTALMAT-Galicia 2019

A proba de selección celébrase o sábado 8 de xuño na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 06-05-2019 13:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes coas familias esperando para entrar a proba ESTALMAT-Galicia. 02-06-2018

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático que dirixe o ex reitor da USC Juan Viaño anuncia a convocatoria 2019 da proba de selección dos 25 estudantes que conformarán a décimo terceira promoción e que está dirixida a rapazas e rapaces nados nos anos 2006 ou 2007. A inscrición, cuxo prazo remata o 31 de maio, pode formalizarse en liña ou por correo ordinario.

A selección faise mediante unha proba común para todos os Proxectos ESTALMAT de España  que consta, habitualmente, de 6 problemas con apartados de dificultade crecente. Realízase   o mesmo día que en todo o territorio estatal, polo que non é posible adiala a ningunha outra data, mesmo que se aleguen causas xustificadas de ausencia. Este ano será o sábado 8 de xuño, ás 10:00 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. 

Dende a primeira convocatoria de ESTALMAT-Galicia, no ano 2007, a media do número de estudantes presentados á proba de selección é de 287 (chegándose a un pico de 358 no ano 2012), con preponderancia dos das provincias máis poboadas (A Coruña e Pontevedra). Nas 12 convocatorias xa celebradas, realizaron a proba de selección un total de 3.485 alumnos e alumnas, dos que 300 seguiron as actividades.

ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte de ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC),  e  co apoio económico da propia Consellería e das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola USC, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas.

O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as accións de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).