Saltar ao contido principal
Xornal

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC conmemora o Día da UE cunha xornada sobre economía circular

Actualizada: 08-05-2019 13:54
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE), xunto con outros centros de información europea en Galicia e no norte de Portugal, organizan un acto sobre crecemento e emprego no ámbito da economía circular co que pretende conmemorar este 9 de maio a celebración do Día da UE. O acto permitirá intercambiar experiencias e boas prácticas no ámbito da economía circular que se desenvolven no noroeste peninsular, así como dar a coñecer as vantaxes económicas para unha empresa circular.

A xornada está dirixida a representantes das entidades locais, empresas e asociacións de Galicia e Norte de Portugal, así como ao público xeral interesado. Celebrarase este xoves 9 no salón de actos da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago de Compostela (rúa do Vilar), a partir das 10.30 horas.

No acto participarán distintos relatores tanto do mundo académico e institucional como empresarial, que darán unha visión de conxunto, de diversos puntos de vista, sobre a economía circular como un espazo de grandes oportunidades de desenvolvemento e emprego. Entre outras institucións estarán representados o Ministerio do Mar de Portugal e as universidades de Minho, Vigo e a USC, así como os coordinadores de proxectos destacados no ámbito da economía circular, como o editor Francisco Macías de Edicións Positivas. As empresas participantes poderán intercambiar a súa experiencia e reforzar a colaboración transfronteiriza en rede nun espazo de mostras dos seus produtos.