Saltar ao contido principal
Xornal

Os graduados en enxeñaría agrícola e agroalimentaria Eva Prado e Ismael Moeda, Premios San Cidre dos colexios profesionais

A EPS de Enxeñaría do campus de Lugo acolleu este mércores a entrega de galardóns e insignias aos autores das mellores TFG de agrícolas das convocatorias de 2017 e 2018

Actualizada: 08-05-2019 14:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Galardoados e autoridades, na entrega dos Premios San Cidre na EPS de Enxeñaría

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña-Pontevedra e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo celebraron este mércores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC a cerimonia de entrega de insignias e premios aos autores dos mellores traballos de final de grao das promocións dos graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria das promocións 2017 e 2018.

 

O primeiro premio San Cidre 2018, un galardón dotado con 750 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, recaeu na enxeñaría agrícola e agroalimentaria Eva Prado Sobrino, polo traballo de fin de grao desenvolvido baixo o título ‘Acondicionamento como xardín de espazo abandonado nunha zona industrial en Rábade’. A tamén enxeñeira Gabriela del Valle Bugallo González acadou o segundo galardón dos Premios San Cidre 2019, dotado con 500 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, polo TFG titulado ‘Proxecto dunha adega para a produción de 100.000 litros/ano de viño Albariño con D. O. Rías Baixas no parque empresarial de Mos (Pontevedra)’.

 

O terceiro premio, dotado con 250 euros, insignia de ouro e diploma recaeu en Xosé Afonso Ameixeiras Rodríguez, polo TFG titulado ‘Desenvolvemento e implementación do Sistema de Execución da Produción (k-Milk) na fábrica de queixo crema de Innolact, en Catro de Rei (Lugo)’. A enxeñeira Maite Antelo Rodríguez completa a quenda de galardoados nesta edición, logo de recibir unha distinción, con insignia e diploma acreditativo, polo TFG  ‘Caracterización agronómica de substratos de codia de piñeiro e compost de toxo moído cunha microalga mariña’.

 

O xurado encargado de resolver a convocatoria de 2017 dos Premios San Cidre promovidos polos colexios oficiais de enxeñaría agrícola de Galicia acordou distinguir co primeiro galardón, dotado con 750 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, a Ismael Moeda Doval, polo TFG titulado ‘ Proxecto de reforma dunha explotación porcina de destete para 5.791 cabezas en Toques’. A enxeñeira tamén graduada na EPS de Enxeñaría de Lugo Nerea Fernández Canto acadou o segundo premio, dotado con 500 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, polo TFG ‘Estudo e caracterización de proteínas de orixe vexetal para o correcto desenvolvemento dun produto untable alternativo ao de orixe animal’.

 

O Traballo de Fin de Grao presentado por Miguel Fernández Labrada baixo o título ‘Avaliación agronómica de abonos verdes de inverno en Galicia, utilizando tres especies leguminosas fronte ao barbeito’, mereceu o terceiro Premio San Cidre 2017, dotado con 250 euros, insignia de ouro e diploma. Asemade, Miguel Martínez tamén obtivo unha distinción nesta edición polo TFG ‘ Mudanzas poboacionais de Eisenis sp. E cambios no nivel de nutrientes en tres orgánicos’.

 

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, presidiu a cerimonia de entrega dos Premios San Cidre correspondentes ás convocatorias dos anos 2017 e 2018 no marco dunha sesión na que tamén participaron a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Rafael J. Muíños Moreno, e o presidente do  Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey. O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e o concelleiro de Desenvolvemento  Sostible e Persoal do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, tamén tomaron parte no acto.


Outras imaxes