Saltar ao contido principal
Xornal

Once candidaturas compiten no V Findecurta, que entrega este venres os seus galardóns nunha gala na Praza de Santa María

A formación Factoría de Subsistencia, liderada por Josito Porto, abrirá a velada ás 21.00 horas co concerto de presentación en Lugo do seu último traballo, ‘Amores fraticidas’

Actualizada: 10-05-2019 14:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Representantes dos equipos inscritos no V Findecurta con organizadores do certame

A quinta edición do certame audiovisual 'Findecurta', unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, botará este venres, a partir das 21.00 horas, na luguesa Praza de Santa María, no marco dunha sesión na que se proxectarán as curtas presentadas a concurso polas once candidaturas inscritas neste certame para logo dar a coñecer a proposta máis valorada polo xurado e tamén a curta que conte con favor do público.

 

A cerimonia de clausura do V Findecurta, un maratón audiovisual coordinado por Bruno Maez e que un ano máis volveu congregar máis dun centenar de persoas arredor dunha disciplina artística en auxe como é a videocreación, comezará cun espectáculo musical a cargo de Factoría de Subsistencia.

 

A formación galega de “música de cansautor’, como a definen os propios integrantes, Josito Porto (voz e guitarra), Sabela Dacal (acordeón, piano e coros), José Lameiras (batería) e David Cid (baixo eléctrico), aportará o compoñente musical como preludio dunha velada cinéfila durante a que presentará en Lugo o seu último traballo, ‘Amores fraticidas’.

 

A curta galardoada polo xurado do V Findecurta recibirá o primeiro premio deste maratón audiovisual, dotado cunha gratificación en metálico de 400 euros. A esta distinción, cómpre sumar a participación deste traballo na sección de curtas da 41ª  Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Asemade, a proposta máis votada polo público presente na cerimonia tamén tamén obterá como premio a súa participación na próxima edición do certame promovido polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá, no que competirá polo Premio á Mellor Curtamentraxe galega.