Saltar ao contido principal
Xornal

Woman Emprende e o Concello organizan a I Feira de Emprendedoras de Compostela, dedicada ás mulleres do sector artesanal

Celebrarase o 7 de xuño no Edificio CIEDUS, na Finca Vista Alegre

Actualizada: 09-05-2019 12:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O 7 de xuño no Edificio CIEDUS (Finca Vista Alegre) terá lugar a I Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente polo programa Woman Emprende da USC e a Concellaría de Desenvolvemento Económico de Santiago. A feira nace co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna.

Nesta I edición a temática e o sector escollido é o artesanal, no que se traballan valores asociados á creatividade, ás profesións, ao impacto social e medioambiental dun xeito compatible coa creación de empresas innovadoras, ligadas ao sector tecnolóxico e viables economicamente, pero poñendo no centro das organizacións as persoas, tanto como produtoras como consumidoras.

A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden, e que precisan de ferramentas que as acheguen a unha axeitada comunicación empresarial para acadar a maior venta posible, contando a paixón, capacidade e coñecemento que se emprega na elaboración dos produtos.

A continuación abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira, con espazos nos que as artesás amosen e expliquen os seus produtos. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza e non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles. Búscase tecer unha rede de colaboración tanto entre as artesás participantes como entre toda a cidadanía, que rache o concepto erróneo e estereotipado sobre produtos e servizos elaborados nos talleres, e aprecie o valor engadido dos mesmos.

Tamén haberá un momento para aprendizaxe e o debate entre mulleres que teñan unha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e as que se inicien nesta actividade e a estean expoñendo como modelo de vida. Abordaranse así cuestións como a corresponsabilidade, venta en liña, a inter xeracionalidade ou o consumo responsable. Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com).

Woman emprende
O Programa Woman Emprende da USC naceu co obxectivo de impulsar o espírito emprendedor das mulleres e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas e a xeración de novos proxectos empresariais liderados por elas. En Woman Emprende materialízase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna.

Para iso, o programa da USC ofrece toda unha serie de ferramentas ás emprendedoras para dar os primeiros pasos no comezo da actividade empresarial; información de calidade e actualizada e apoio, desenvolve actividades de interese común para as emprendedoras e acompaña a cada un dos proxectos dende o inicio ata o desenvolvemento real da actividade.

Composatela Móvese
O programa Compostela Móvese como principal obxectivo apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio no que se produce. Trata, así, de outorgar maior peso no modelo económico aos sectores produtivos, recuperando aqueles do ámbito primario e manufactureiro que hoxe corren o perigo de desaparecer e valorizando a súa importancia e capacidade de contribuír ao desenvolvemento da economía de proximidade no municipio.

Así mesmo, busca impulsar os novos nichos de emprego, en especial nos sectores creativos, que son os que teñen actualmente maior capacidade de dinamizar a cidade e aumentar o seu atractivo residencial e comercial.

Programa do evento:

9.00 - 12.00  Taller formativo para as artesás: “¿Sabes como crear interese no teu proxecto empresarial?. Técnicas e estratexias de comunicación”.

Formación dirixida ás emprendedoras que lideren proxectos artesanais da comarca de Santiago de Compostela, coa finalidade de elaborar un breve discurso de presentación que se usa para informar sobre elas mesmas, as súas empresas e os seus produtos e servizos.

A mensaxe elaborada por cada unha delas expoñerase na sesión networking.

12.00 - 12.45  Café Networking e visita á exposición dos proxectos empresariais das emprendedoras.

12.45 - 13.30  Mesa de debate e sesión de preguntas (mentoring) dirixidas a emprendedoras cunha longa traxectoria no mundo empresarial. Esta sesión permitirá a emprendedoras en fase inicial resolver dúbidas do camiño emprendedor que lles espera.

13.30 - 14.00  Testemuña da emprendedora Idoia Cuesta. Fundadora de Idoia Cuesta, Cestería Contemporánea. “Desde o seu taller de Outeiro de Rei elabora as coleccións que presenta tanto en feiras de artesanía galegas, como en feiras profesionais fora de Galicia, en Londres ou París. Alí establece contacto con tendas para posteriormente traballar sobre pedidos. Foi precisamente nunha das feiras internacionais na que participou onde unha casualidade púxoa en contacto coa firma Loewe” .