Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo I+D Farma da USC coordinará o proxecto europeo AERoGELS para a investigación en aeroxeles con aplicacións biomédicas e ambientais

Actualizada: 10-05-2019 09:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Representantes dos grupos europeos liderados pola USC reunidos en Bruxelas

O investigador Ramón y Cajal do grupo I+D Farma Carlos A. García González acaba de ser elixido coordinación da acción COST titulada ‘Advanced Engineering and Research of aeroGels for Environment and Life Sciences’ (AERoGELS) que impulsará a investigación e innovación de aeroxeles  con aplicacións biomédicas e ambientais. A designación do investigador da Facultade de Farmacia da USC produciuse na primeira reunión executiva desta acción nun encontro celebrado en Bruxelas. O poxecto AERoGELS está financiado polo programa Horizonte 2020 da UE e conta coa participación de 39 países representados por universidades e empresas dos campos científico, tecnolóxico, regulatorio e comercial.

Os aeroxeles son materiais porosos nanoestruturados formados por un 99% de aire e apenas un 1% de material sólido. Estes materiais estanse utilizando en produtos de alto valor engadido na industria aeroespacial e téxtil. Como explica Carlos A. García, neste proxecto avaliarase o uso de aeroxeles especificamente para aplicacións biomédicas e ambientais. De catro anos de duración, AERoGELS facilitará o desenvolvemento de novos produtos baseados nestes materiais mediante o intercambio de ideas, coñecemento e resultados nunha rede multidisciplinar e multisectorial, así como a promoción da formación e a mobilidade de novo persoal investigador no ámbito europeo.

Esta é a primeira vez que unha acción COST (Cooperación Europea no ámbito da Investigación Científica e Técnica) é liderada por unha universidade galega dentro do programa de ‘Enxeñaría de materiais e procesos químicos’. As convocatorias COST son altamente competitivas cunha taxa de éxito inferior a un 5% sobre todos os proxectos presentados. En opinión do investigador do grupo I+D Farma, a concesión desta iniciativa europea fomentará o posicionamento da USC no campo dos materiais avanzados representado pola Agrupación Estratéxica de Materiais (AeMAT).