Saltar ao contido principal
Xornal

O arqueólogo Celso R. Cao, acompañado do grupo Solo Voces, pecha este mércores o programa de visitas ‘Noites na Domus’

O primeiro pase ao xacemento do Museo Universitario A Domus do Mitreo será ás 21.30 horas e o segundo unha hora despois. As entradas poden retirarse este martes

Actualizada: 14-05-2019 09:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Xacemento arqueolóxico da Domus do Mitreo

O programa ‘Noites na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, remata este mércores 15 de maio, cunha dobre sesión de visitas guiadas por Celso R. Cao e con acompañamento musical do grupo Solo Voces. Os dous pases programados comezarán ás 21.30 e 22.30 horas respectivamente. As persoas interesadas poden retirar xa este martes día 14 as entradas nas oficinas da Área de Cultura da USC na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo en quenda de 9.00 a 14.00 horas.

 

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que se busca favorecer o coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada polo xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas a través das súas composicións sonoras. Como o aforo atópase limitado a 25 persoas, as entradas deben recollerse con antelación na Oficina de Cultura da USC no Campus Terra, ata un máximo de dúas por persoa.

 

O programa de visitas musicadas ‘Noites na Domus’ permite aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, así como o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era a persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular.

 

A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo. ‘Noites na Domus’ posibilitará tamén unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral de Lugo.

 

As persoas interesadas tamén poden obter máis información respecto deste programa de visitas musicadas ao xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo a través do número de teléfono 982 821 511.