Saltar ao contido principal
Xornal

A undécima promoción do programa Estalmat-Galicia celebrou este sábado a súa despedida

Actualizada: 13-05-2019 12:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de familia logo do acto de imposción de becas. Foto: Santi Alvite

A undécima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebrou este sábado o seu acto de despedida nunha sesión celebrada na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O acto contou coa asistencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo. Baixo a presidencia da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, ademais da conselleira, conformaron a mesa presidencial a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, o presidente de ESTALMAT-Galicia,  Juan M. Viaño Rey e a responsable da relación e actividades coas familias Trinidad Pérez López. Ao acto asistiu un numeroso grupo de docentes de ESTALMAT-Galicia, ademais de varios membros do Comité Organizador e de familiares e amigos dos estudantes “estalmateiros”.

En representación do profesorado de ESTALMAT-Galicia tomou a palabra o profesor Angel Rodríguez Arós, da UdC,  e por parte dos estudantes Iván Rodríguez Vázquez (Cambre), Paloma Couto Montenegro (Baiona) e Paula Viéitez Lorenzo (Vigo) que fixeron unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia. En representación das familias dos estudantes interviñeron Marta Rodríguez González, profesora de ensino medio en Ourense, e María José Alonso Fernández, investigadora e profesora na USC, que destacaron o atractivo do proxecto para os seus fillos e fillas e dos beneficios que as súas metodoloxías docentes teñen na estimulación do seu talento matemático e na satisfacción das súas inquedanzas científicas.

O presidente de ESTALMAT-Galicia agradeceu o seu traballo a todo o equipo organizador e docente, así como aos patrocinadores do mesmo: Universidade de Santiago de Compostela, deputacións da Coruña e Lugo e, de maneira moi particular, á Consellaría de Educación, Universidade e FP. Juan Viaño resaltou a importancia de espertar vocacións na disciplinas CTEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos países que queiran estar na vangarda do coñecemento e avance tecnolóxico nos vindeiros anos e puxo de manifesto que o Proxecto ESTALMAT-Galicia favorece ese obxectivo, aliñándose así coa estratexia StemGal da Consellaría de Educación, Universidade e FP.

Pola súa parte a conselleira valorou na súa intervención o magnífico traballo do proxecto afirmando que “dende hai unha ducia de anos ESTALMAT-Galicia funciona con éxito e é un programa de referencia para o estímulo do talento. O traballo de todas as persoas que participan nel contribúe de forma decisiva a apoiar o alumnado con aptitudes matemáticas avanzadas, de tal xeito que redunde en maior proveito dos estudantes e da sociedade”.

O acto rematou coa entrega de diplomas e imposición de becas. Previamente, o alumnado realizou a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director Mauro Fernández de Bouza e asistido polos membros do seu equipo, Ignacio López, Fernando Bouzas e Natalia Costas.

Os 25 estudantes que agora rematan en ESTALMAT-Galicia foron seleccionados en 2017 (23 nenos e 2 nenas –nesta edición rexistrouse o número de mulleres máis baixo)  entre os 345 presentados no ano 2017. A súa distribución por provincias é: A Coruña (14), Lugo (3),  Ourense (1) e Pontevedra (7). Forman parte xa dos 3485 estudantes presentados nas doce convocatorias celebradas ata o momento (o que fai un promedio de 287  cada ano)  e dos 300 alumnos que entraron no programa dende a súa posta en marcha.

Os estudantes que durante os dous anos amosaron un aproveitamento contrastado, serán convidados a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia,  que constará de 14 sesións máis. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta actualmente con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo e da Consellería de Educación, Universidade e FP. Actualmente está aberta a inscrición para participar na probas de selección da convocatoria de 2019. Este prazo remata o 31 de maio e a proba terá lugar o 8 de xuño na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.