Saltar ao contido principal
Xornal

O Campus Terra da USC adecua liñas estratéxicas e gobernanza para avanzar cara a excelencia nos eidos agrario e alimentario

O reitor Antonio López salienta que a captación de recursos para I+D+i no Campus Terra medrou un 80% no último lustro ata superar os 8,2 millóns de euros en 2018

Actualizada: 13-05-2019 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor, Antonio López, preside a xuntanza da Comisión Reitora do Campus Terra na Vicerretoría de Coordinación de Lugo

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidiu este luns na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo unha reunión da Comisión Reitora do Campus Terra da USC, o principal órgano de gobernanza deste campus temático de especialización, no marco da que se acordou afondar no redeseño ou adecuación dalgunhas das súas liñas estratéxicas, así como da súa estrutura de gobernanza, a fin de acadar unha organización máis eficiente que permita avanzar cara a excelencia e transformar así o Campus Terra no campus agroalimentario de referencia para Galicia e o resto de España, alén de erixirse nun campus clave a nivel internacional.

 

A Comisión Reitora do Campus Terra da USC tratou no marco desta xuntanza os datos compilados na memoria de actividades referida ao exercicio 2018. A reunión serviu tamén para perfilar as liñas estratéxicas que deberán soster o Campus Terra de cara  futura convocatoria destinada a campus de especialización/excelencia que ultima a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

 

O equipo de gobernanza afronta este novo fito na aínda nova singladura do Campus Terra da USC coa aspiración de que este campus temático da USC con sede en Lugo saia fortalecido, tal e como evidencian os bos resultados obtidos ata o de agora e que permitiron superar a barreira dos oito millóns de euros en captación de recursos de I+D+i en 2018. Estes datos implican un incremento na captación de recursos de preto do 80% con respecto a 2015, ano no que a cifra era de catro millóns e medio de euros.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo Montserrat Valcárcel; a adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; o adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; o xerente da USC Javier Ferreira Fernández; o vice xerente do campus de Lugo e Servizos, Xosé Delfín Pérez González; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, participaron xunto co reitor Antonio López nesta xuntanza da Comisión Reitora do Campus Terra da USC, unha sesión á que tamén asistiron oos decanos/as das facultades de Formación do Profesorado, Veterinaria, ADE, Ciencias, Humanidades, así como o director da EPS de Enxeñaría de Lugo.

 

Nova gobernanza

A comisión reitora acordou impulsar unha nova estrutura de gobernanza do Campus Terra na que se introduce unha comisión Económico-Social que permitirá conectar a universidade co tecido produtivo no que se atopa inserida. Ademais, os decanos e directores de centros, ata o momento adscritos á comisión reitora, pararán a integrar o Consello de Campus, un órgano de asesoramento directo á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, formado tamén por representantes de alumnado e PAS. A creación deste novo órgano busca outorgar un maior peso ás facultades e escolas na gobernanza do campus de Lugo.

 

A remodelación da Comisión Científica Externa, antes denominada Comisión Asesora Externa, seguirá a estar presidida Marius Rubiralta, catedrático da Universidade de Barcelona e creador do seu Campus da Alimentación, co que o actual goberno da USC xa se reuniu en dúas ocasións, completa o cambio estrutural na gobernanza do Campus Terra.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo e a adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, visitaron en novembro de 2018 o Campus da Alimentación de Torribera a fin de coñecer mellor os avances que se produciron neste proxecto da UB nos últimos anos, así como expor a situación actual do Campus Terra e analizar a posibilidade de establecer acordos estratéxicos entre ambos os dous proxectos. Xa en marzo de 2019, o propio Rubiralta mantivo unha reunión no Pazo de San Xerome co reitor e a dirección do Campus Terra para definir o plan de acción que o Campus Terra vai desenvolver nos vindeiros exercicios para afondar no seu proceso de especialización e convertelo nun referente no eido agroalimentario.

 

O novo organigrama de goberno e funcionamento do Campus Terra da USC proposto a iniciativa da súa comisión retiora tamén contempla a creación de catro comisións executivas nos catro eidos estratéxicos do campus: I+D+i, relación coa contorna, formación e internacionalización.

 

Rede de Campus de Excelencia Internacional con Actividade Agroalimentaria

A Comisión Reitora do Campus Terra da USC informou asemade na súa última xuntanza de que Lugo acubillará en 2020 a reunión da Rede de Campus de Excelencia Internacional con Actividade Agroalimentaria, integrada por 17 universidades españolas, así como do padroado da Fundación Triptolemos.  

 

Esta rede foi creada en 2013 polo Padroado da Fundación Triptolemos como un grupo de traballo integrado nos estatutos da fundación. A misión principal da rede é artellar e potenciar a cooperación entre os diferentes actores do sistema de investigación, desenvolvemento e innovación agroalimentarios en España, mellorar a eficacia da investigación realizada, fortalecer a competitividade en programas internacionais de I+D alimentaria e facer chegar á sociedade os avances alcanzados.