Saltar ao contido principal
Xornal

A EPSE e o Coleixo de Enxeñeiros Agrónomos distinguen a Sergio García e Marta Rodríguez cos Premios Fin de Carreira San Cidre

O xurado distinguiu un proxecto de estabulación para 75 vacas de leite en Lalín e outro de sistema de viñedos mediante emprego de imaxes multiespectrais de satélites

Actualizada: 14-05-2019 14:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Valcárcel entrega o diploma a Maite Rodríguez e, á dereita, Sergio García recibe o galardón de Pedro Calaza

Os enxeñeiros agrónomos titulados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do campus de Lugo da USC Sergio García Louzao e Marta Rodríguez Fernández veñen de recibir os Premios Fin de Carreira San Cidre 2019 outorgados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (Coiag) en colaboración co centro universitario lugués.

 

A entrega destes galardóns, cos que se pretende recoñecer a calidade dos proxectos de fin de carreira presentados polos enxeñeiros agrónomos nas convocatorias habilitadas para tal efecto na EPS de Enxeñaría da USC entre xuño de 2018 e febreiro de 2019, desenvolveuse no marco dunha cerimonia que estivo presidida pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel.

 

O decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza Martínez; o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta; a deputada provincial delegada da área de promoción económica e social, Sonsoles López Izquierdo, e o concelleiro do Concello de Lugo responsable da área de Desenvolvemento Sustentable e Persoal, Daniel Piñeiro, e a secretaria do Coiag, Alejandra Álvarez de Mon, tamén participaron neste acto académico, no marco do que Manuel González Sarria, asesor técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ofreceu o relatorio ‘A planificación hidrolóxica na demarcación hidrográfica Miño-Sil’.

 

O fallo emitido polo xurado distinguiu o proxecto de estabulación para 75 vacas en muxidura en Filgueira (Lalín), presentado por Sergio García Louzao, quen obtivo unha gratificación económica de 1.000 euros, ademais dun diploma acreditativo. A tamén enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández acadou o segundo premio, dotado de diploma acreditativo, cun proxecto de xestión de grandes superficies de viña mediante o emprego de imaxes multiespectrais de uavs e satélites.


Outras imaxes


Acto de entrega dos Premios San Cidre 2019 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Agrónomos na EPS de Enxeñaría de Lugo