Saltar ao contido principal
Xornal

Antón e Maite Piano Dúo ofrece este xoves un concerto na Casa do Saber no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

A actuación, de entrada libre e de balde ata completar o aforo, comeza ás 20.00 horas

Actualizada: 15-05-2019 09:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os pianistas Antón e Maite, nunha imaxe de arquivo

Antón e Maite  Piano Dúo é un dos dúos españois con maior proxección da súa xeración, ofrecerá este xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do ciclo de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un dos programas promovidos ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.

 

Estes dous pianistas contan con numerosos premios como solistas, e como dúo gañaron os segundos premios no Concurso Internacional de Música de Cámara de Panticosa, no Concurso Internacional de Música de Cámara ‘Antón García Abril’ e na 88º edición do Concurso Permanente ‘Mocidades Musicais de España’, un dos concursos de música máis relevantes do país.

 

A parella artística Antón e Maite Piano Dúo formouse no Conservatorio Superior de Música de Aragón, baixo a tutela do pianista Miguel Ángel Ortega Chavaldas e o Dúo Do Valle. Estes dous artistas noveis, que actualmente residen en Austria, onde estudan co prestixioso dúo Silver-Garburg na Kunst Universität de Graz, tamén recibiron consellos no seu proceso de formación do Cuarteto Quiroga e dos pianistas Juan Fernando e José Enrique Moreno.

 

A prensa musical describe esta formación como un dúo “perfectamente sincronizado e cunha gran sensibilidade e gusto musical”. Os pianistas Antón e Maite presentarán este xoves o seu repertorio en Lugo logo de completar o pasado ano unha xira de concertos por China que os levou por cidades como Jining, Harbin, Haian e Beihai, actuando en auditorios como o Haian Culture and Art Center e o Gran Teatro de Harbin.

 

Antón e Maite Piano Dúo tamén debutaron en 2018 como solistas na Sala Mozart do Auditorio de Zaragoza. No haber destes novos intérpretes tamén compre salientar as súas actuacións con orquestras como a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Aragón ou a Orquestra Sinfónica Goya.