Saltar ao contido principal
Xornal

Estudantes de Ourense gañan a V Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos

Actualizada: 15-05-2019 18:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Salón de Graos da Facultade de Filoloxía acolleu esta tarde o acto solemne de entrega de premios da V Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos, na que participaron 38 estudantes en lingua grega e 63 en lingua latina.

Nesta quinta edición gañaron o alumno Esteban Decabo Nogueira, do IES 1 do Carballiño, e Cristina Guilera Iglesias, do IES Otero Pedrayo Ourense, nas probas de lingua grega e latina, respectivamente. Crsitina Guilera foi tamén a gañadora do segundo posto en grego, a quen lle seguiu Silvia Altonaga Iglesias, do IES de Fene. Do mesmo xeito, o gañador da proba de grego acadou o segundo posto en lingua latina, seguido por Gonzalo Fernández Álvarez de Linera, do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.

No acto de entrega participaron a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; a secretaria do Departamento de Filoloxía Clásica Francesa e Italiana da USC, Mercedes Díaz de Cerio Díez; o presidente de SEEC-Galicia, José Carracedo Fraga, e Adrián Boullosa Fraga, gañador en lingua latina na primeira Olimpíada e alumno do Grao en Filoloxía Clásica da USC.

Xunto con Adrián, na cerimonia fíxose unha pequena homenaxe a premiados e premiadas en anteriores edicións da Olimpíada que están cursando o Grao en Filoloxía Clásica na Facultade de Filoloxía da USC como Miguel Álvarez Amoedo, María Gabía Rascado, Alejandro Morón Bandín e Enrique Salvado Vigo, ou outros graos da mesma Facultade como Raquel Castro Rodríguez, Mariña Ferreiro Vilariño, Marina Martínez Sande, Teresa Suárez Torres, Sofía Vega Santalla e Sarah Vidal Horta.

O acto rematou coa representación teatral da comedia ‘As Asambleístas’ de Aristófanes a cargo do grupo Sin ir más lejos da Casa de Castilla La Mancha de A Coruña baixo a dirección de Ricardo Martín.