Saltar ao contido principal
Xornal

O Grupo de Estudos Audiovisuais presenta o libro A foresta e as árbores

Actualizada: 15-05-2019 09:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O libro A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (2), editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC e a Editorial Galaxia baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión, preséntase este xoves 16 ás 20.00 horas na libraría NUMAX.

A foresta e ás árbores -segundo volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega- constrúe, desde a ollada singular das oito investigadoras e investigadores que participan no libro, un itinerario temático co que adentrarse no cinema galego máis recente. Na mostra de filmes analizados, reflexo tamén da diversidade na cinematografía galega das últimas décadas, avánzase desde o dó por un mundo que esmorece ao velado — aquilo do que non se fala— na nosa historia; desde o desexo e as súas derivas á necesidade de filmar o íntimo e a nós mesmas.

O acto contará coa presenza da coordinadora do libro e catedrática en Comunicación Audiovisual da USC, Margarita Ledo Andión, e das autoras e autores do volume: Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Antía López Gómez, Fernando Redondo Neira, José Luis Castro de Paz, Enrique Castelló Mayo, Xosé Nogueira Otero e Iván Villarmea Álvarez.

Esta obra é froito do traballo realizado ao abeiro do proxecto de I+D+i ‘EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un Programa Europeo de Subtitulado en Linguas non Hexemónicas’, financiado por FEDER-Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través do Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade, e distinguido en 2018 como actividade de investigación encadrada no Ano Europeo do Patrimonio Cultural.