Saltar ao contido principal
Xornal

Santiago foi a sede española da celebración do Día Internacional da Luz

Actualizada: 15-05-2019 13:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xornada celebrouse no Hostal dos Reis Católicos. Foto: Servimav-USC

O Comité Español do Día Internacional da Luz (DIL) declarado pola Unesco designou este ano Santiago de Compostela como sede do acto central que, organizado para toda España por docentes da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar este mércores no Hostal dos Reis Católicos.

Na inauguración participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; o presidente da Sociedade Europea de Óptica (EOS) e secretario xeral da Comisión Internacional de Óptica ICO, Humberto Michinel; a decana da Facultade de Física, Elena López Lago; a vicepresidenta do Comité Español do DIL, María Luisa Calvo; a vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica, Sagrario Millán; o presidente da Sociedade Portuguesa de Óptica e Fotónica, Manuel Filipe da Costa; e a presidenta do Comité Local Organizador do acto central do DIL 2019 e profesora da USC, Maite Flores-Arias.

No acto participaron 500 persoas, dende persoal investigador de diferentes universidades españolas e portuguesas ata alumnado universitario e de educación secundaria e bacharelato pasando por estudantes dos bacharelatos de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía do programa STEMbach da Xunta de Galicia.

Logo da apertura, tiveron lugar catro charlas divulgativas impartidas por científicos de renome internacional dirixidas ao gran público, dúas delas sobre as temáticas merecedoras dos dous Premios Nobel 2019 de Física. O catedrático de Óptica da Universidade de Murcia Pablo Artal falou de tecnoloxías da luz empregadas para ver mellor, mentres que a profesora do Departamento de Fisioloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Murcia e co directora do laboratorio de Cronobioloxía, Mª de los Ángeles Rol, explicou a influencia da luz no noso reloxo biolóxico. Pola súa banda, o catedrático de Óptica na Universidade de Salamanca Luis Plaja adentrouse na óptica extrema ultrarrápida e ultraintensa, e, como colofón, a doutoranda da Complutense Mercedes Angulo falou da maxia da luz para manipular e mover células.

Xunto con Teresa Flores-Arias, participaron na organización do evento os profesores Carmen Bao Varela e Justo Arines Piferrer, todos eles do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, así como a estudante de doutoramento María Aymerich, presidenta do Student Chapter da Sociedade Americana de Óptica (OSA) na USC.


Outras imaxes


A xornada estaba dirixida a persoal investigador de diferentes universidades españolas e portuguesas, alumnado universitario e de educación secundaria e bacharelato. Foto: Servimav-USC