Saltar ao contido principal
Xornal

A USC estivo representada por un equipo de Matemáticas na Barcelona Mathematics Competition for University Students

Actualizada: 16-05-2019 14:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A competición celébrase na Universitat Politècnica de Catalunya dende 2015

A USC estivo representada na Barcelona Mathematics Competition for University Students (BMC) cun equipo que conformaron Javier Guillán Rial, Sergio Herrero Vila e Miguel Picos Maiztegui, alumnos de terceiro curso de Matemáticas da USC, que participaron co apoio da Facultade compostelá na proba xunto a medio centenar de estudantes de diversas universidades. A BMC é unha olimpíada matemática a nivel universitario que se celebra anualmente na Universitat Politècnica de Catalunya dende 2015.

Javier, Sergio e Miguel, que xa participaran noutras olimpíadas matemáticas no pasado, consideraron os problemas como "motivadores" e a experiencia como "enriquecedora". "Enfrontarse a estes problemas, bastante afastados dos exercicios tipo, supón un auténtico reto, onde a exploración e a indagación xogan un papel fundamental." Asemade, durante a súa breve estadía en Barcelona, tiveron a oportunidade de coñecer e compartir inquedanzas con estudantes de matemáticas doutras facultades.