Saltar ao contido principal
Xornal

Som do Galpom presenta este xoves en Lugo un avance do seu terceiro disco ‘Longo camiñar’ no marco do Lubicán 2019

O concerto do grupo compostelán comezará ás 21.00 horas. A entrada é libre e de balde para todo o público

Actualizada: 23-05-2019 13:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Integrantes de Som do Galpom

O grupo compostelán Som do Galpom presentará este xoves, a partir das 21.00 horas, na luguesa Praza de Santa María un avance do seu próximo traballo, ‘Longo camiñar’, no marco do ciclo Lubicán 2019, incluído na programación cultural promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

 

Som do Galpom naceu como grupo en decembro de 2005, momento no que comezaron a  ensaiar nun galpón dunha aldea chamada A Moninha, que está preto de Compostela. Durante o ano 2006 chegaron os primeiros concertos e dende aquel intre a banda non deixou de percorrer locais e escenarios por toda Galiza e parte do extranxeiro.

 

A volta aos escenarios desta formación galega, integrada na actualidade por Gael Bassave (voz), Brais Bassave (violino), Guillermo Vistoso (guitarra e teclados), Iván Bernárdez (baixo) e Pablo Rey (batería), trae non poucas novidades, xa que o que será o seu terceiro traballo amosa unha evolución cara un son máis potente e directo.

 

Dende o primeiro día a aceptación de Som do Galpom por parte do público foi moi boa e cada concerto fixo que esta formación medrara na súa ambición de ofrecer un directo cada vez máis potente para permitir ao público gozar coa súa música. A idea inicial desta formación era a de fusionar diferentes estilos musicais dándolle moita importancia á mensaxe que queríamos transmitir. Con este propósito por bandeira, Som do Galpom mesturan nas súas composicións un pouco de funk, un pouco de reggae e un pouco de rap.

 

O grupo sempre estivo moi activo á hora de participar en concursos para grupos non profesionais (Certame musical Terra e Lingua, Galiza Crea, Nsaio no camiño, Fundation reggae festival...), nos que acadaron numerosos galardóns, entre os que cómpre salientar o Nsaio no camiño 2008.

 

As primeiras gravacións, a modo de maquetas, de Som do Galpom foron feitas en diferentes estudos, ata que en 2009 sacaron o seu primeiro disco, ‘Em terra de ninguém’. Para o segundo traballo de estudo deste grupo compostelán, ‘A galinha de Troia’, houbo que esperar ata novembro de 2013.

 

Encontro con alumando do IES Muralla Romana

Os compoñentes de Som do Galpom Guillermo Vistoso e Gael Bassave participarán este xoves, ás 12.00 horas, na Casa do Saber de Lugo,  nun encontro cun grupo de alumnado do IES Muralla Romana de Lugo, no marco do programa Eslabón. Os dous integrantes desta formación compostelá guiarán un obradoiro musical co alumnado preuniversitario.