Saltar ao contido principal
Xornal

O Museo Universitario A Domus do Mitreo inicia na arqueoloxía a estudantes de ensino medio con obradoiros de base científica

Dopico Caínzos sinala que estas actividades didácticas de base científica inciden na importancia do patrimonio, na súa protección e nas posibilidades de I+D que ofrece

Actualizada: 27-05-2019 13:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado de Xinzo de Limia que participou en obradoiros de arqueoloxía no Museo Universitario A Domus do Mitreo

Unha delegación de alumnado de ensino medio procedente dos institutos de ensino secundario Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía, no concello ourensán de Xinzo de Limia, participaron en diversos obradoiros de arqueoloxía no Museo Universitario A Domus do Mitreo, en Lugo.

 

A visita desta delegación ourensá á sede universitaria luguesa encadrouse no marco dunha actividade didáctica de base científica, a través da que o estudantado de ensino medio tivo a ocasión de simular o traballo que desenvolven os profesionais da arqueoloxía en diversas fases do seu traballo, tales como a escavación, manipulación de materiais e a experimentación de procesos científicos posteriores ao achados.

 

A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades, Dolores Dopico Caínzos, que acompañou á delegación estudantil durante parte da súa estadía nas dependencias do museo, salientou que este tipo de accións pretenden poñer en valor a importancia do patrimonio histórico e a súa protección, ademais de contribuír á divulgación da investigación que se desenvolve arredor da arqueoloxía, a prehistoria e o patrimonio.

 

Acompañados de titores docentes dos centros educativos de procedencia, o alumnado de ensino medio chegado á sede universitaria luguesa desde Xinzo de Limia realizou unha visita guiada ao xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo, para logo ser protagonista dunha simulación de achádego arqueolóxico.

 

Nestes obradoiros, que espertaron moito interese entre os participantes, os estudantes dos Ies Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela tiveron que desenterrar varios obxectos, a xeito de réplicas de elementos descubertos na escavación orixinal, para logo proceder á súa identificación.