Saltar ao contido principal
Xornal

O Sistema Universitario de Galicia podería impartir o vindeiro curso seis graos co 80% da docencia en galego

Segundo a proposta aprobada hoxe pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística

Actualizada: 28-05-2019 10:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de grupo das persoas integrantes da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística. Foto: UVigo

Seis graos universitarios en Galicia poderán impartirse o vindeiro curso 2019-2020 cun 80% da docencia en galego, segundo o establecido nun acordo cualificado de “histórico” pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que trasladará a petición á Secretaría Xeral de Universidades para a súa aprobación. En concreto, proponse para os graos en Xornalismo e o en Educación Social da USC;  Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria da Universidade de Vigo, e o de Educación Social da Coruña.

“É algo histórico no SUG que haxa unha planificación, unha dotación orzamentaria e unha execución desta parte do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2021”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que lembrou que se trata dunha medida recollida no documento financeiro, pero que estaba sen aplicar.

A proposta da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que este luns se reuniu no campus vigués, será trasladada agora á Secretaría Xeral de Universidades “e todo apunta a que solucionadas algunhas cuestións burocráticas ou administrativas, que teñen que ver coa xuntanza da vindeira comisión de seguimento do Plan de Financiamento das universidades, poda executarse esta previsión para o vindeiro curso”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística. García destacou que ademais de buscar a formación en galego tamén “se procura a rendibilidade que esta medida pode ter á hora de buscar esa segunda socializacion de mozas e mozos que falan pouco e non falan galego, para que o incorporen á súa formación pero tamén a outros labores, porque as universidades non só son institucións de formación, senón que tamén preparan actitudes e crean espazos de uso común da lingua galega da xente nova”.

Financiamento compartido
Tal e como se recolle no Plan de Financiamento do SUG, a Xunta asumirá a financiación dun único grao por universidade, de xeito que as institución académicas terán que asumir o pago do resto de titulacións que queiran implantar co 80% da docencia en galego. “Na primeira reunión da Comisión de Política Lingüística acordamos que cada universidade presentaría unha proposta que é o que lle imos pedir á Xunta, pero nós imos complementar esa cantidade para impartir tres titulacións, xa que houbo unha resposta moi positiva por parte dos nosos equipos decanais e de dirección dos centros e paga a pena facer o esforzo”, explicou o reitor da Universidade de Vigo.

“Debemos felicitarnos de ter unha proposta moi madura enriba da mesa e tamén do compromiso económico adquirido polas universidades de Vigo e Santiago, que financiarán a maiores dous e un grao, respectivamente. Non só hai vontade lingüística ou social, senón tamén económica”, dixo o secretario xeral. Cara ao futuro, Valentín García sinalou que a incorporación de novos graos con docencia en galego terá que ser obxecto dunha negociación nun plan feito a medida dos plans de formación de cada universidade do SUG, “no que reforzar a presenza do galego e por extensión na mocidade en Galicia é prioritario para a Xunta e entendo que tamén é a vontade das tres universidades”.

A universidade, espazo para o galego
Na súa reunión de hoxe, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística tamén deu luz verde á proposta A universidade como un espazo para o galego, dirixida preferentemente á mocidade de bacharelato, que nun futuro inmediato vai comezar os seus estudos universitarios, co obxectivo de singularizar a institución académica como un lugar que favorece o mantemento lingüístico e mobiliza a conversión lingüística nas e nos potenciais neofalantes e contribuír a identificar a universidade como un espazo idóneo de transición cara unha nova subxectividade na que a (nova) lingua ha ser un elemento central.

Trátase de divulgar de xeito creativo e a través de medios audiovisuais as universidades como espazos para o galego tradicional e tamén o neogalego. Para iso seleccionaranse sete centros, un por cada campus galego, para facer divulgación sobre as propostas e tamén se fará un documental sobre as posibilidades da universidade para a conversión lingüística, co obxectivo de difundir as universidades como espazos de galeguización.