Saltar ao contido principal
Xornal

Un concerto en Santa Clara pon este xoves o broche final ao ciclo ‘Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’

Actualizada: 28-05-2019 13:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Co concerto ‘Metáfora das Flores. Música e Poesia para Santa Clara’ remata este xoves o ciclo ‘ Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’, que a USC desenvolveu dende o pasado mes de novembro. Este último recital terá lugar ás 20.00 horas na Igrexa Conventual de Santa Clara da man da vocalista Magna Ferreira , o clave Júlio Galvão (órgano/clave) e o actor João Castro, os tres de Portugal.

O programa ten como núcleo a obra musical de Frei Francisco de São Boaventura, un compositor da segunda metade do século XVIII pertencente á orde dos Carmelitas Calçados (Porto, Portugal), pero nel aparecen outras épocas e personaxes que remiten sempre á figura de Santa Clara. Así, ademais de Frei Francisco o programa inclúe pezas de Cecília Meireles, Padre António Vieira, Manuel Blasco de  Nebra, Soror Violante do Céu  e Domenico Mazzochi.

Magna Ferreira
Licenciada en Canto (ESMAE), Mestra en Educación Musical (Universidade do Minho), Mestra en Advanced Vocal Ensemble Studies (Schola Cantorum Basiliensis) e doutoranda na Universidade de Santiago de Compostela, de 2001 a 2003 foi membro do extinto Estúdio de Ópera da Casa da Música. Integrou o equipo artístico da Área da Comunidade en Guimarães Capital da Cultura e foi directora do proxecto Vozes do Románico (Rota do Românico).

Como cantante, actuou en Portugal, España, Francia, Suíza, Polonia, México e Brasil con grupos e mestres de recoñecido mérito, e en diversas salas e festivais de referencia. Destaca a súa colaboración no álbum ‘Ruelles’ premiado en Francia pola ‘Académie Charles Croq’. Como compositora, escrebiu obras para os grupos Teatro Bruto, Outra Voz e recentemente estreou ‘Tempus Fugit’ no Festival Vivarium. Actualmente é docente e coordinadora do Curso de Música Antiga da ESMAE.

Júlio Galvão Dias
Licenciado en Clave pola Escola Superior de Música do Porto, ao longo dos anos realizou concertos en solitario ou integrado en grupos de música antiga por todo o país veciño e por España. Como solista actuou coa Orquestra do Algarve e coa Ars Antiqua executando o 5º Concerto Brandeburguês e o Concerto en Ré m BWV 1052 de J.S. Bach e o Concerto para Cravo de Carlos Seixas.

Participou, como cravista, en diversas producións de ópera como Dido e Eneias (produción do Teatro S. Carlos), Ottone (prod. da Casa da Música) e as Bodas de Fígaro (prod. do Teatro da Trindade). Actualmente desempeña funcións docentes no Conservatorio de Música de Coimbra e na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo.

João Castro
Licenciado en Estudos Teatrais pola Universidade de Évora, é membro fundador do Teatro Tosco e entre outras representou  As Vedetas, de Lucien Lambert;  Na Magia o Encontro com a Poesia e o CinemaAquitanta, de C.A. Machado, e  Sangue no Pescoço do Gato, de R.W. Fassbinder. Desde 2005 integra o elenco de diversas producións do TNSJ, traballando particularmente con Ricardo Pais e Nuno Carinhas, aínda que tamén con António Durães, Giorgio Barberio Corsetti, Nuno Cardoso, Nuno M Cardoso e João Cardoso.

Destacan os seus traballos máis recentes como actor:  Rei Lear, de William Shakespeare, enc. Rogério de Carvalho (2016);  Os Últimos Dias da Humanidade, de Karl Kraus, enc. Nuno Carinhas e Nuno M Cardoso (2016), e  Macbeth, de William Shakespeare (2017), enc. de Nuno Carinhas. Hoxe dá clase na ACE Escola de Artes, en Famalicão.