Saltar ao contido principal
Xornal

O Congreso Internacional de Fútbol, Fútbol Sala e Psicoloxía alcanza a súa terceira edición como unha oferta formativa única a nivel internacional

Celebrarase na Facultade de Psicoloxía entre este xoves 30 e o sábado 1 de xuño

Actualizada: 29-05-2019 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O congreso desenvolverase en Psicoloxía ata o próximo 1 de xuño

O Congreso internacional de Fútbol, fútbol sala e psicoloxía alcanza a súa terceira edición achegando á sociedade unha plataforma, ata o de agora inexistente, de transferencia directa de coñecemento da universidade á contorna do fútbol e o fútbol sala. Na Facultade de Psicoloxía, sede do encontro, o congreso desenvolverase dende este xoves 30 e ata o sábado 1 de xuño en xornada intensivas de 9.00 a 21.00 horas. O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira gráfica polos participantes.

Xornada inaugural
Aínda que o programa científico comezará ás 9.00 horas, a inauguración oficial está prevista para as 12.30 horas no Salón de Actos da Facultade presidida pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Nesta sesión o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa pronunciará a conferencia ‘Liñas estratéxicas do deporte: presente, pasado e futuro’.

O Congreso
Trátase dun proxecto “pioneiro e orixinal, creado e deseñado integramente en Galicia, que constitúe unha oferta de formación única a nivel internacional, sen antecedentes noutros países nin comunidades”, explica o profesor e presidente do Comité organizador Constantino Arce. O congreso organízano de maneira conxunta e coordinada a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol. Está dirixido a adestradores/as, futbolistas, profesionais da arbitraxe, dirixentes deportivos, proxenitores e todo tipo de profesionais e persoal voluntario do ámbito do fútbol e do fútbol sala.

Está confirmada xa a participación de relatores de 33 universidades e 57 clubes ou entidades deportivas procedentes de oitos países: tres europeos, España, Portugal e Reino Unido; e outros cinco americanos, Arxentina, México, Colombia, Brasil e Estados Unidos. Haberá unha destacada representación das tres universidades galegas e dos clubs da comunidade autónoma máis emblemáticos, como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo ou a Sociedade Deportiva Compostela, no caso do fútbol, e O Parrulo, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar ou o Ourense Envialia, no caso de fútbol sala. Tamén está prevista unha representación de numerosos clubs e entidades deportivas de LaLiga como Sevilla FC, Villareal FC, Levante UD, Real Valladolid CF, Puebla de México, Club Atlético Rosario Central de Arxentina, ademais de técnicos deportivos que formaron ou forman parte das seleccións nacionais de fútbol sala de España, Libia e Vietnam.

Celebraranse mesas e talleres sobre técnicas de potenciación dos múltiples factores psicolóxicos facilitadores do rendemento deportivo (concentración, activación, motivación, confianza, estados de ánimo, adestramento mental, liderado ou cohesión, entre outros), e de técnicas de autocontrol emocional e afrontamento do estres  e a ansiedade competitiva, de especial interese para adestradores, futbolistas e árbitros. Tamén están previstas sesións sobre temas de actualidade e responsabilidade social e política: o rol dos pais e as nais no deporte infantil e xuvenil; o fútbol feminino; o fútbol adaptado; a prevención da violencia nestas modalidade deportivas; ou as liñas estratéxicas para o deporte galego, entre outros.