Saltar ao contido principal
Xornal

Charla en Física de Bernard Schutz sobre como as ondas gravitacionais fixeron posible a evolución humana

Actualizada: 31-05-2019 11:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

No marco do  IX Encontro Ibérico de Ondas Gravitacionais (IGWM2019) organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) entre o 3 e 5 de xuño en Santiago, o director emérito do Instituto Max-Planck de Física Gravitacional–I nstituto Albert Einstein e catedrático na Universidade de Cardiff,  Bernard F. Schutz, ofrecerá o luns 3 a charla ‘Como as ondas gravitacionais fixeron posible a evolución humana’. Será na Aula Magna da Facultade de Física ás 19:30 horas.

A detección de ondas gravitacionais da fusión de dúas estrelas de neutróns moi afastadas por LIGO e Virgo en 2017 inicia unha historia sorprendente: como estas ondas proporcionaron os ingredientes esenciais para a evolución da vida na Terra. A historia comeza cunha fusión e explosión similares que ocorreron bastante máis preto, e xusto antes de que se formase o Sol. Nela creáronse tódolos os elementos pesados existentes na Terra, incluído o uranio 238 e o torio 232. A calor xerada polas continuas desintegracións destes dous isótopos no interior do noso planeta foi crucial para a evolución, e é a razón pola que os animais máis intelixentes evolucionaron na terra e non nos mares. Sen as ondas gravitacionais de Einstein, que provocaron, hai moito tempo, que este par de estrelas de neutróns orbitasen en espiral ata colisionar, os seres humanos non teríamos evolucionado neste planeta.