Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de investigación da USC GAME-IDEGA debate nunha xornada a creación dun programa de ensino universitario baseado nas tecnoloxías blockchain

Actualizada: 03-06-2019 14:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Edificio Emprendia da USC acolle hoxe unha xornada de presentación do proxecto DLT4All ‘ Blockchain Lab: Mecanismos de consenso, organizada polo grupo de investigación GAME-IDEGA coa colaboración da spin off AyEconomics. Este evento enmárcase dentro dun proxecto europeo Erasmus + (programa de Alianzas Estratéxicas) dirixido a fomentar o coñecemento sobre as tecnoloxías blockchain e DLT (Distributed Ledger Technologies) e as súas aplicacións, no que están a participar a través do Servizo de Relacións Exteriores da USC.

O profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e participante no proxecto Manuel Fernández Grela salientou na presentación que o obxectivo principal é “presentar o proxecto DLT4ALL, que persegue crear un programa de ensino universitario baseado no Blockchain que posibilite impartir formación de alta calidade neste campo tanto na USC como noutras universidades europeas”. Fernández Grela sinalou que buscan “involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co creación do seu deseño, elaborado tanto dende a universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades dos emprendedores e investidores”.

Na xornada participaron profesionais de perfís diversos como investigadores, emprendedores, investidores, xestores de viveiros de empresas e estudantes. A finalidade do encontro é atopar novos xeitos de ofrecer formación de alta calidade no campo das tecnoloxías blockchain e DLT construíndo un conxunto de casos de estudo que fagan factible transmitir os conceptos de xeito efectivo no contexto dun módulo de aprendizaxe. “Na actualidade moitas universidades europeas están interesadas na blockchain, pero os seus programas carecen dun número suficiente de casos reais”, sinala Fernández Grela.

DLT4All
DLT4ALL é un proxecto Erasmus + de cooperación entre a universidade e sociedade desenvolvido por un consorcio que integran empresas, asociacións empresariais e centros de investigación, ademais de universidades. Durante este mes o proxecto organiza oito Labs en cinco países diferentes (Bélxica, Chipre, España, Grecia e Italia), dedicados aos oito eixes temáticos do proxecto: deseño de bases de datos P2P, técnicas de encriptado, mecanismos de consenso, sinaturas dixitais, dereitos de propiedade, smart contracts, organizacións autónomas distribuídas e aplicacións descentralizadas baseadas na blockchain. As tecnoloxías DLT, popularizadas no sector financeiro polo éxito de criptomoedas como Bitcoin, estanse estendendo rapidamente a outros sectores como a administración electrónica, a xestión da saúde e a educación ou a “Internet das cousas”.