Saltar ao contido principal
Xornal

AlumniUSC entrega este mércores 5 en Afundación o seu premio de Relato curto a Ricardo Cid Paz

O texto gañador, “unha historia impactante” en opinión do xurado, recibirá un premio en metálico de 500 € que achega HM Hospitales (Rosaleda)

Actualizada: 04-06-2019 10:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de Ricardo Cid, autor do texto premiado 'O isco'

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) celebra este mércores, 5 de xuño,  o acto de entrega da décimo terceira edición do seu Premio Relato Curto a Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974) polo seu texto O isco. A sesión celebrarase a partir das 19.30 horas no Salón de Actos de Afundación (rúa do Vilar, 19). A sesión comezará co relatorio de Armando Requeixo sobre estratexias narrativas na literatura galega actual, a quen seguirá a lectura en voz alta do texto premiado polo propio autor e un faladoiro cos membros do xurado e o público asistente. O director territorial en Galicia de HM Hospitales, Rafael Silva, como entidade patrocinadora, entregará o premio dotado con 500 euros. A vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, e a presidenta de Alumni USC, Benita Silva, clausurarán o acto. A entrada é libre.

Ricardo Cid Paz alzouse co galardón polo seu texto O isco, peza que conta a relación dun pai e un fillo que saen xuntos a pescar, ata que un día en que o pai vai só, este aparece afogado no río. “Sempre que podo trato de poñer en valor o que me gusta, como neste caso, e por desgraza, a malparada lagoa de Antela, o río e a contorna da agora parcelada comarca da Limia”, segundo indica o autor.

Formaban o xurado o investigador e crítico literario Armando Requeixo Cuba, a gañadora da edición anterior –Rocío Leira Castro–, e a socia lectora de Alumni  Inmaculada Sánchez Leira, actuando como secretaria –con voz e sen voto– Mar Fernández Vázquez, que emitiron o ditame por unanimidade logo da valoración dos cincuenta traballos presentados a esta edición. O xurado resaltou a capacidade do autor á hora de presentar unha historia “impactante, ben estruturada e cunha tensión crecente ata o poderoso final do relato”. Tamén valorou a “forza duns personaxes ben debuxados, a excepcional calidade da páxina escrita –caracterizada por un vizoso léxico– e o profundo coñecemento do medio que recrea: o río”.

O autor premiado reside en Ourense e dedícase profesionalmente ao mundo da veterinaria. Licenciado en Veterinaria pola USC e graduado en Ciencias Ambientais pola UNED, Ricardo Cid xa ten obra publicada e acadou o primeiro premio do concurso Balbino de relatos en 2017 e o segundo no certame literario do Concello de Ames de 2018, entre outras distincións. De feito, Edicións Fervenza publicou a obra coa que gañou o Balbino, De que falarán as árbores.