Saltar ao contido principal
Xornal

O catedrático José Manuel Touriñán recibe o premio internacional Educa Redipe na súa primeira convocatoria

Actualizada: 04-06-2019 12:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Rede Iberoamericana de Pedagoxía (Redipe), que agrupa máis de 30.000 profesionais en Iberoamérica, acaba de recoñecer co I Premio internacional Educa Redipe a traxectoria profesional do catedrático de Teoría da Educación da USC José Manuel Touriñán López.

Á primeira convocatoria do galardón, convocado en 2018 con carácter internacional e periodicidade bienal, presentáronse dez candidaturas que, logo de ser valoradas polo xurado, deron na decisión unánime de valorar que, cos seus traballos, José Manuel Touriñán López “se converteu nun brillante paladín da pedagoxía”. As súas continuas achegas, asegura o xurado, melloraron inequivocamente o coñecemento da educación, a súa capacidade de aplicación desde a intervención e a capacidade de resolución de problemas e de análise nos ámbitos de actuación educativa”.

O anuncio fíxose público no simposio internacional de Redipe celebrado na Universidade autónoma de Madrid a semana pasada. O premio, que leva aparellado a edición dun libro conmemorativo, seralle entregado en acto público dentro do Simposio da rede que terá lugar en Santiago na última semana de abril de 2020.

Para a concesión do galardón, o xurado aprecia que na obra do profesor Touriñán hai “un salto cualitativo respecto da boa educación” porque se proba que a calidade da educación ten que ver co coñecemento que dá competencia técnica aos profesionais, tanto en funcións de docencia como de investigación pedagóxica ou de apoio ao sistema educativo, xa sexan estas funcións de técnico de apoio á realización da intervención pedagóxica ou de técnico especialista na realización da intervención.

Así, nos traballos do profesor da USC o profesional da educación atopa os elementos teóricos e prácticos para poder valorar cada medio que utilice ao construír ámbitos de educación, facer deseños educativos e xerar a intervención pedagóxica derivada. “Os medios así concibidos convértense en ferramentas pedagóxicas ao servizo do pedagogo e iso fai que todo o seu traballo se impregne do significado de educar e adquira valor mesoaxiolóxico”, advirte o xurado.

Precisamente, o comité avaliador destaca a pedagoxía mesoaxiológica que propugna o profesor Touriñán: “é resultado dunha longa traxectoria investigadora, creou linguaxe en Pedagoxía, avanza o coñecemento da educación e os seus fundamentos como actividade de intervención e esa concepción da pedagoxía converteuse xa en alternativa emerxente, pioneira, innovadora e viable nas súas propostas” .