Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Deportes organiza en xuño tres actividades de sendeirismo

As actividades buscan promover o deporte na natureza e están guiadas por persoal titulado da Fundación USC deportiva

Actualizada: 04-06-2019 13:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo dunha ruta desenvolvida no mes de abril pola zona do Umia

O Servizo de Deportes organiza en xuño tres rutas de sendeirismo de variada dificultade e duración a desenvolver nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña. A primeira ruta levarase a cabo no concello de Nigrán o sábado 8. É un percorrido pola costa, case sen dificultades, dentro da programación de Rutas de Lecer. Antes de iniciar a ruta persoal da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) realizará unha charla sobre mamíferos mariños co título ‘O regreso das fillas de Ith: os lobos mariños de Galicia’.

O mércores 19, dentro da programación de Roteiros, está previsto un percorrido por Olveiroa, localidade do concello de Dumbría, no que se visitará a Pedra Brazal coa posibilidade de descubrir un interesante elemento do patrimonio cultura galego: as lacenas das abellas. Finalmente, o sábado 22, a terceira da rutas de sendeirismo transitará polo concello de A Peroxa, por zonas boscosas nun importante espazo natural onde o río Miño tamén cobra un especial interese. A ruta remata nos Peares.

Para asistir a calquera destas rutas, que teñen como obxectivo promover o deporte na natureza e os hábitos de vida saudables, e están dirixidas por persoal titulado da Fundación USC Deportiva, é imprescindible inscribirse previamente na web.

Todas elas son propostas dirixidas ao público xeral sen que sexa preciso pertencer á comunidade universitaria. Na web da USC poden consultarse prezos, horarios, dificultade e información máis completa sobre cada unha destas actividades, ademais de consellos xerais no caso de participar nestas rutas de sendeirismo.