Saltar ao contido principal
Xornal

Xa se coñecen os finalistas do IX concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Actualizada: 04-06-2019 13:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A novena edición do concurso estatístico ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ que convoca a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO) xa ten finalistas. A esta convocatoria presentáronse un total de 35 traballos: 14 da categoría de 1º e 2º da ESO; 17 de 3º e 4º da ESO; e 4 da de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio 4 traballos.

Os finalistas na categoría de 1º e 2º de ESO son estudantes do IES Pontepedriña (Santiago de Compostela) e do IES Agra do Orzán (A Coruña), e na de 3º e 4º de ESO alumnado do CPI San Vicente (A Baña), IES Cacheiras (Teo), IES  de Ribeira (Ribeira) e IES Anxel Fole (Lugo). Na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio alumnos o xurado declarou o premio deserto.

Así mesmo recibirán unha mención especial polos traballos presentados estudantes do IES A Basella de Vilanova de Arousa e do IES Arzobispo Xelmirez 2 (categoría de 1º e 2º de ESO) e do CPI San Vicente da Baña (categoría de 3º e 4º de ESO).

A elección dos traballos gañadores e entrega de premios terá lugar o día 18 de xuño ás 10:00 horas na Facultade compostelá de Matemáticas. Eles serán quen representen a Galicia na IX Fase Nacional do Concurso ‘Incubadora de Sondeos y Experimentos’  que se celebrará en Pamplona o 2 e 3 de xullo.

Nesta edición o certame conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional o Instituto Galego de Estatística, a Deputación de Lugo, Gadis e Santillana.

O xurado
Tal e como está establecido nas bases do concurso, cada proxecto foi revisado de forma independente por tres avaliadores externos que emiten un informe de valoración. En base a estes informes, a organización realizou unha preselección dos proxectos presentados dentro de cada categoría que foron remitidos ao xurado para o seu fallo. Este ano contouse cun total de 39 avaliadores externos.

O xurado desta novena edición do concurso estivo presidido por Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, do IES de Mugardos e vogal da executiva da SGAPEIO, sendo secretario Javier Tarrío Saavedra, da Universidade da Coruña e vicepresidente de Estatística da SGAPEIO. Como vogais actuaron Sara Moyano Pérez, do Instituto Galego de Estatística; Indalecio Cabana Leira, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Tomás Cotos Yáñez, da Universidade de Vigo, e Milagros Diéguez Taboada, do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños).