Saltar ao contido principal
Xornal

As Xornadas de Música Contemporánea do 2019 xirarán en torno á Diáspora

Están organizadas polo Concello de Santiago, a USC, o Consorcio de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea e a Deputación da Coruña, coa colaboración doutras entidades

Actualizada: 04-06-2019 13:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda, Mar Lorenzo, Branca Novoneyra, Santiago Olmo e Belén Hernández

Do 7 ao 27 de xuño en distintos espazos de Compostela terá lugar as Xornadas de Música Contemporánea 2019, que nesta ocasión xirarán en torno á Diáspora. O programa presentárono esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, María do Mar Lorenzo; e o director do CGAC, Santiago Olmo, todas institucións organizadoras do ciclo xunto á Deputación da Coruña.

A programación faise en colaboración tamén con outras entidades como a Beca Fullbright, o New York Women Composers, a Universidade de Pennsylvania, o Conservatorio Teresa Berganza, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago e Womarts, proxecto europeo que lidera o Auditorio de Galicia. Serán en total dez concertos, dous coloquios e unha clase maxistral, todas elas actividades de balde con entrada libre ata completar aforo.

A Diáspora, eixe dun amplo programa
Este ano as xornadas celébranse baixo o subtítulo ‘Diáspora’, xa que toda a programación xirará arredor de compositores e intérpretes que desenvolven a súa carreira fóra do seu lugar de nacemento. Así, de diferentes partes do mundo chegarán as propostas máis vangardistas da música de culto que conforman un completo programa de concertos, ata 10, ademais de conferencias, coloquios e clases maxistrais en diversos lugares da cidade.

O programa inaugúrase este venres 7 na Escola de Altos Estudos Musicais co concerto da pianista Margaret Lucia ás 20:30 horas cun programa de compositoras españolas e estadounidenses. Previamente, ás 19:30 horas, celébrase un ‘Meet the Masters’, coloquio con compositoras españolas, que se organiza dentro de Womarts, o proxecto europeo a prol da igualdade das mulleres na contorna artística que lidera o Auditorio de Galicia.

O 11 de xuño as Xornadas terán lugar na Sala Capitol co concerto de CONTAINER #GALICIA, plataforma de creación musical de equipo artístico galego que realiza actividades en diferentes centros de produción de Europa e América Latina. Antes do concerto haberá un coloquio cos compositores Pedro González e Simon Steen-Andersen e a saxofonista Sara Méndez.

O 13 de xuño e no Auditorio de Galicia celébrase o xa habitual concerto da Real Filharmonía de Galicia dentro das xornadas. Nesta ocasión, dirixidos por Paul Daniel, cun programa que inclúe a estrea absoluta da Suite Sinfónica núm 1 de Eduardo Soutullo e a estrea en España de obras de Fazil Say e Gerald Barry.

O Paraninfo da Universidade será o escenario do concerto do día 14 de xuño onde se poderá escoitar o piano, guzheng e música electrónica de Iago Hermo, galego que na actualidade reside en Maastricht. Hermo estreará tres obras súas. De novo no Auditorio de Galicia, o 17 de xuño Mª Victoria Jericó Francés; os composteláns Javier, Luis e Manuel López Jorge; Millán Abeledo e Elisa Martín presentan ‘Narrativas imaxinarias’ cun programa variado que inclúe a estrea absoluta de ‘ Dúas vidas respiran xuntas’ de Manuel López Jorge.

Os protagonistas da xornada do 18 de xuño serán o Fukio Saxophonquartet, un dos grupos con máis proxección en Europa neste momento. Os seus catro compoñentes son dous valencianos, un menorquino e o galego Xabi Casal, que viven na actualidade nos Países Baixos. Comezará a xornada no Conservatorio Profesional de Música onde impartirán unha clase maxistral ás 16.30 h con entrada libre ata completar aforo, para despois ofrecer un concerto ás 20.30 h no CGAC que tamén inclúe varias estreas.

A Banda Municipal de Música de Compostela tamén participa un ano máis na programación das XMC, nesta ocasión nun concerto xunto á Banda Municipal da Coruña o 20 de xuño na praza da Quintana. Interpretarán obras, entre outros, do rianxeiro Antón Alcalde que na actualidade vive en Islandia onde é compositor residente dentro do programa ofrecido polo prestixiosa ArtsIceland Institute.

O 24 de xuño as Xornadas volven celebrarse no Paraninfo da USC, da man de Duobitatio, o dúo da pianista compostelá Rosalía Gómez Lasheras e o violinista Antonio Viñuales, que naceu en Suíza onde ambos realizaron estudos de mestrado. O día seguinte, 25, será o día de Vertixe Sonora con Aglaya González, viola, no Auditorio de Galicia. No espectáculo, presentado por José Luis Losa, verase un fragmento de ‘Las Hurdes: Tierra sin pan’ de Luis Buñuel con música en directo de Martin Matalon e con María Lado como narradora.

As xornadas péchanse o xoves 27 de xuño co concerto do TAC, Taller Atlántico Contemporáneo, no Teatro Principal. Dirixidos por Diego García Rodríguez presentan un programa que inclúe a estrea da versión para o TAC de ‘Homenaxe’ de David Cuevas e a estrea absoluta de ‘Oda al percebe’ de Javier López de Guereña.

Todos os concertos e actividades serán de balde con entrada libre ata completar capacidade das salas.