Saltar ao contido principal
Xornal

O mundo do viño Albariño e dos demais caldos galegos, a debate do 25 ao 28 de xuño nun curso de verán da USC en Meis

Actualizada: 05-06-2019 09:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O mundo dos viños galegos. Foro do Albariño’ é o título do curso de verán da USC que se celebrará en Meis do 25 ao 28 de xuño. Este programa incluído na Universidade de Verán 2019 da USC e dirixido pola profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, Elisa Mª Rubí Cano, pretende achegar unha visión multidisciplinar e actual sobre o mundo do viño galego e en particular do albariño.

 

Estruturado en 30 horas lectivas, que se desenvolverán na sede da Adega Terras de Asorei, este curso de verán da USC permitirá ao alumnado unha inmersión completa no coñecemento do mundo do viño, desde a terra, o cultivo do campo e as cepas, o respecto medioambiental, a organización das adegas actuais, e os seus conceptos de xestión de calidade, ata a arte de elaboración do viño, a súa comercialización, a súa internacionalización, e o enoturismo, ademais de cuestións non menos importantes como o son os aspectos organizativos e legais.

 

As xornadas, ideadas como un foro de aprendizaxe e reflexión sobre o que hai detrás dunha copa de viño, a súa faciana humana, social, cultural e a súa influencia na economía do rural e galega... buscan tamén servir de oportunidade para ter acceso e comprender o sector do viño galego , e mais en concreto do albariño no Val do Salnés, nas Rías Baixas.

 

O prazo de inscrición para participar neste curso de verán da USC permanecerá aberto ata o venres 14 de xuño na web da USC.