Saltar ao contido principal
Xornal

Deftler Kappeler expón na Igrexa da Universidade a mostra ‘Foula’, un alegato contra as inxustizas recreado no mar da Costa da Morte

‘Foula. Detlef Kappeler na Costa da Morte’ inaugúrase este xoves na Igrexa da Universidade

Actualizada: 05-06-2019 13:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Igrexa da Universidade acubillará ata o 6 de xullo unha exposición do artista alemán Detlef Kappeler (Stettin, 1938) que ten como base o mar da Costa da Morte. A inauguración terá lugar este xoves 6 ás 20.30 horas nun acto ao que ademais do autor asistirán a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, a comisaria, Nuria Kolb.

‘Foula’ é definida pola Real Academia Galega como “escuma do mar que lanza a proa do barco ao navegar ou que se levanta ao bater as ondas contra a costa ou cando fai moito vento”. Ese mar é o que inspira a Detlef Kappeler para as creacións desta exposición e que se une a toda a súa experiencia como refuxiado de guerra e a condena ás inxustizas e o abuso de calquera tipo de poder, lembrando e facendo referencia aos eventos máis actuais, especialmente os que hoxe afectan ás  persoas refuxiadas que cada día tentan cruzar o mar cara a unha vida mellor, sen conflitos nin guerras.

Como explica a comisaria da mostra, “as súas obras non son só unha oda á forza do mar, senón sobre todo ao mar como símbolo de vida e morte. Así mesmo, o mar é representante do camiño do propio artista relacionado con todo o seu ciclo creativo, vital e de fuxida; e de Galicia como contexto no que conflúe todo o anterior”.

A mostra ‘Foula. Detlef Kappeler na Costa da Morte’ poderá visitarse de luns a venres de 17:00 a 20:30 e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.