Saltar ao contido principal
Xornal

A USC lidera un proxecto internacional para avaliar a eficacia dun fármaco como terapia para a lesión medular

O investigador Antón Barreiro coordinará a investigación financiada pola Fundación Wings for Life sobre o potencial uso de baclofen

Actualizada: 06-06-2019 11:52 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O investigador Antón Barreiro coordinará a colaboración internacional

O investigador do Departamento de Bioloxía Funcional da USC Antón Barreiro coordinará unha colaboración internacional financiada pola Fundación Wings for Life na que tentarán determinar o potencial uso do fármaco baclofen para o tratamento da lesión medular. Ese fármaco xa se está usando en pacientes para o tratamento de complicacións secundarias á lesión como a espasticidade.

O proxecto, concedido por un período inicial de dous anos ampliable a un máis a razón de 100.000 euros por ano, realizarase en colaboración cos grupos de John LK Kramer, da Universidade de British Columbia (Vancouver, Canadá), e de António J Salgado, da Universidade do Minho (Braga, Portugal). A Fundación Wings for Life está dedicada a financiar proxectos no campo das lesións medulares a nivel internacional.

O proxecto baséase en datos publicados recentemente no grupo da USC dirixido pola profesora María Celina Rodicio e o propio Antón Barreiro que demostran que o baclofen promove supervivencia neuronal e rexeneración nun modelo de lesión medular en peixes. Xunto cos doutores Kramer e Salgado realizaranse estudos nun modelo de lesión medular en ratos e un estudo observacional en pacientes.

O trabalo previo realizado e agora a concesión deste proxecto “permitiranos usar datos clínicos xa publicados para establecer correlacións entre a administración de baclofen e a mellora neurolóxica dos pacientes”, explica Barreiro, que aclara que eses estudos preliminares “xa parecen indicar que efectivamente a administración do fármaco favorece a recuperación neurolóxica tanto en roedores como en humanos”.