Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, sede estes días da Conferencia anual da Asociación internacional de Estudos Rexionais

Actualizada: 06-06-2019 12:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Medio milleiro de especialistas en Ciencia Rexional de todo mundo reúnense estes días na Facultade de Xeografía e Historia da USC para asistir á Conferencia Anual da Regional Studies Association, que esta mañá inauguraron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez.

A organización local coordínaa María José Piñeira Mantiñán, do Grupo de Investigación ANTE (USC), para quen esta cita científica supón “unha oportunidade de contacto, colaboración e traballo conxunto co obxectivo de empuxar as rexións máis alá dos seus límites, que poden ser entendidos como físicos, pero tamén como mentais e disciplinares”.

No encontro debátese sobre economía global, comercio, fluxos financeiros e políticas de desenvolvemento rexional, pero tamén sobre cuestións candentes na actualidade como nacionalismo xeopolítico, federalismo e rexionalismo, economía da identidade, fronteiras e cooperación transfronteiriza. Ademais, preséntanse comunicacións sobre benestar, habitabilidade, vulnerabilidade, resistencia, sustentabilidade, cambio climático, medio ambiente e enerxía desde unha perspectiva rexional.

O Grupo de Investigación ANTE (Análise Territorial) que organiza a Conferencia está formado por xeógrafos, economistas, historiadores e arquitectos e ten o recoñecemento de Grupo de Excelencia Investigadora polo seu dinamismo e o seu programa de internacionalización, ademais de pola súa ampla experiencia en xestión e difusión de I+D e na organización de congresos internacionais.


Outras imaxes