Saltar ao contido principal
Xornal

O CIEDUS acolle este venres a primeira edición da Feira de Emprendedoras de Compostela

Actualizada: 06-06-2019 12:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Edificio CIEDUS (Finca Vista Alegre) será este venres 7 o espazo que acolla a I Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente polo programa Woman Emprende da USC e a Concellaría de Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago. A feira nace co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna. Nesta primeira edición a temática e o sector escollido é o artesanal.

Pese a que a xornada comezará a primeira hora da mañá, haberá un acto de inauguración ás 12.45 horas no que intervirán a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

Previo a esta apertura oficial, a cita comezará ás 9.00 horas cunha sesión formativa dirixida a mulleres que emprenden e que precisan de ferramentas que as acheguen a unha axeitada comunicación empresarial para acadar a maior venta posible.

Xa ás 12.00 horas abrirase ao público un espazo na colindante Casa de Europa para a exposición en formato feira. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza e non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles.

A feira continuará cun debate ás 13.00 horas entre mulleres cunha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e as que se están iniciando nesta actividade e a expoñen como modelo de vida. Nesta mesa, moderada por Elena Fabeiro, participarán Jose Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles.

Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com), que falará da súa experiencia persoal e do futuro que este sector ten por diante.

Woman emprende
O Programa Woman Emprende da USC naceu co obxectivo de impulsar o espírito emprendedor das mulleres e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas e a xeración de novos proxectos empresariais liderados por elas. En Woman Emprende materialízase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna.

Para iso, o programa da USC ofrece toda unha serie de ferramentas ás emprendedoras para dar os primeiros pasos no comezo da actividade empresarial; información de calidade e actualizada e apoio, desenvolve actividades de interese común para as emprendedoras e acompaña a cada un dos proxectos dende o inicio ata o desenvolvemento real da actividade.