Saltar ao contido principal
Xornal

Xornada sobre as matemáticas como vector estratéxico de progreso económico

Actualizada: 06-06-2019 13:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) no que participa a USC desenvolve este venres 7 en Compostela a xornada ‘ As matemáticas, vector estratéxico de progreso económico’ na que se presentarán os resultados do estudo ‘Impacto socioeconómico da investigación e a tecnoloxía matemáticas en España’.

O estudo, elaborado por Analistas Financieros Internacionales (AFI) e promovido desde a Rede Estratéxica en Matemáticas, conclúe que as profesións con alta intensidade matemática achegan á economía española o mesmo que o sector do turismo, e que a súa produtividade é ata un 50% superior á alcanzada noutras profesións sen intensidade matemática.

Así, destácase que as matemáticas participan de maneira transversal na actividade produtiva, xa que inciden sobre todos os sectores en tres ámbitos clave: no campo do deseño, modelaxe, simulación e prototipado de produtos; na optimización de procesos produtivos e de organización, e no ámbito da análise de datos.

A xornada
A xornada inaugurarase ás 11.15 horas nun acto no que participarán a directora de ITMATI, Peregrina Quintela Estévez; a decana da Facultade anfitrioa, Elena Vázquez  Cendón; e o profesor de Matemática Aplicada da USC e investigador adscrito de ITMATI, José Luis Ferrín González.

O encontro busca sensibilizar a industria, as institucións e a sociedade en xeral, achegando casos de éxito nos que as matemáticas teñen sido unha ferramenta clave de innovación na industria. Así, varios investigadores galegos darán a coñecer varias experiencias frutíferas como resultado da colaboración entre o mundo académico, en particular a Universidade, e o sector industrial.

Ao tempo, presentaranse as distintas vías de financiamento que unha empresa ten ao seu alcance para axudarlle a incorporar na súa estratexia as matemáticas como motor de innovación.