Saltar ao contido principal
Xornal

Éxito de participación da primeira edición da Feira de Emprendedoras de Compostela

Actualizada: 07-06-2019 14:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Grande éxito da mostra do traballo das artesás. Foto: Servimav

Numeroso público achegouse esta mañá á Finca Vista Alegre para participar na primeira edición da Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente polo programa Woman Emprende da USC e a Concellaría de Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago. Cumpriuse así o obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna.

Nesta ocasión a feira dedicouse ao sector artesanal, cunha nutrida mostra do traballo realizado por mulleres que puido visitarse na Casa de Europa e na que participaron as firmas Noga Arts Joyería Artesanal, Variopinto, Spacio B, Amorote, Alas Revolución, Degerónimo, Como Pez en el Agua, Kinga Haudek Joyería Artística, Mamaié, Charo López Atelier, Proxecto Xerminando, Floriforma, IO Obradoiro Textil, Carballo Artesanía, Jatafarta, Arte Nómada, Mundaya e Boina Galega.

A xornada comezou cunha actividade formativa dirixida a mulleres que emprenden para continuar con dúas sesións de reflexións que comezaron coa intervención da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois. A vicerreitora puxo en valor a misión social da Universidade, “que se reforza con accións como esta feira, que apela directamente ao labor de responsabilidade que temos coa nosa contorna”. Pola súa banda, Marta Lois manifestou a súa vontade de que o evento continúe en vindeiras edicións para “seguir tecendo redes e poñendo o foco das mulleres na perspectiva económica”.

A feira continuou cun debate entre mulleres cunha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e outras que se están iniciando nesta actividade. Nesta mesa, moderada por Elena Fabeiro, participarán Jose Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles.

Pechou o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com), que falou da súa experiencia persoal e do futuro que este sector ten por diante.


Outras imaxes


Mar Lorenzo (á dereita) e Marta Lois inauguraron a feira. Foto: Servimav

As actividades da feira estiveron moi concorridas. Foto: Servimav