Saltar ao contido principal
Xornal

O CEU en Xestión Cultural da USC presentou o proxecto divulgativo A Xestión cultural en Galicia

Actualizada: 12-06-2019 11:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xestión cultural en Galicia: unha visión panorámica e actual é un proxecto divulgativo impulsado desde o Curso de Experto/a Universitario/a en Xestión Cultural da USC e editado polos seus coordinadores, Marcos Lorenzo e Sergio Lago, coa intención de xerar un espazo de reflexión. “Precisamente a reflexión é algo que non abunda en Galicia, onde, máis alá do proxecto Interea, apenas houbo espazos articulados de investigación e divulgación en xestión cultural, fose no ámbito público, privado ou social”, explicaron os autores na presentación deste martes na Libraría Couceiro.

A publicación presentouse por vez primeira na última edición de Culturgal, a feira das industrias culturais en Galicia, e tivo unha primeira fase de divulgación dixital, coa publicación este inverno dun artigo semanal a través do xornal Praza Pública. Editado agora por Andavira, ofrece unha visión panorámica do sector cultural galego desde cada un dos seus ámbitos, achegando datos e reflexións para a análise e o debate da man de profesionais de referencia.

Así, no libro atópanse artigos sobre cultura participativa, con Alberto García, técnico de cultura do Concello de Boiro e ex-presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; festivais musicais, con Marián Fernández, socia de O Cable Inglés e organizadora dos premios Martín Códax da Música; Políticas culturais en Galicia, co economista e consultor cultural Marcos Lorenzo; Financiamento cultural, co politólogo e emprendedor cultural Uxío Novo; Turismo cultural, con Manuel Gago, xornalista e director de culturagalega.gal; Nova museoloxía, con Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Comunicación cultural, coa xornalista e experta en comunicación cultural Sonia Díaz; Artes escénicas, da man de Paulo Rodríguez, director do teatro Rosalía de Castro; Sector editorial con Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Galega de Editoras; Artes plásticas con Paula Cabaleiro, comisaria de arte e xestora cultural; Audiovisual, coa xornalista cultural Andrea Villa; Cultura dixital, con María Yáñez, directora de Vinte e especialista en contidos dixitais, e Contexto laboral e profesional do sector, co xestor e consultor cultural Sergio Lago

Na presentación deste martes participaron os coordinadores do libro xunto cos responsables académicos da USC Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, ademais dos autores e autoras Sonia Díaz, Henrique Alvarellos e Manuel Gago.