Saltar ao contido principal
Xornal

Unha investigadora do CiMUS entre as sete axudas concedidas pola British Spanish Society

Sheila Barrios recolleu nunha cerimonia en Londres unha das sete bolsas 2019 que vén de conceder a British Spanish Society (BSS), en colaboración co programa Santander Universidades

Actualizada: 12-06-2019 12:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Sheila Barrios, nunha instante da recepción da bolsa

Sheila Barrios, investigadora predoutoral do CiMUS no grupo liderado pola profesora Noemi Csaba, recolleu recentemente a acreditación que avala a súa proposta como beneficiaria das Axudas BSS-Santander Universidades 2019, unha iniciativa internacional promovida pola British Spanish Society e o programa Santander Universidades. A nova axuda, entregada nunha cerimonia celebrada na Embaixada de España en Londres, está dotada con 5.000 libras esterlinas e permitirá avanzar na colaboración que o grupo mantén na actualidade co equipo do Profesor Cameron Alexander, da Universidade de Nottingham.

Esta investigación conxunta, desenvolvida en España nos laboratorios do grupo 'Natural Polymers and Biomimetics', aborda o uso de nanopartículas poliméricas para crear vehículos transportadores de xenes, co obxectivo de que axuden a tratar o glioblastoma multiforme. Unha estratexia da que xa teñen xurdido avances moi prometedores, como demostra a recente publicación de resultados na nova revista insignia da editiorial Wiley, ‘Advanced Therapeutics’.

Tender pontes desde o coñecemento
A British Spanish Society é unha organización benéfica rexistrada, cuxos obxectivos son promover a amizade e o entendemento entre os cidadáns de Gran Bretaña e España a través do coñecemento dos costumes, o idioma, as institucións, a historia e a forma de vida de cada un dos países. Trátase dunha organización non política, cuxa membresía está aberta a calquera persoa interesada en España e a súa cultura.