Saltar ao contido principal
Xornal

A Semana da Integración aborda a problemática da muller refuxiada na mesa redonda ‘Encontro’

Enmárcase dentro do proxecto UNINTEGRA de apoio a persoas refuxiadas que está a coordinar o Servizo de Relacións Exteriores da USC

Actualizada: 12-06-2019 14:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Semana da Integración que está a celebrar o Servizo de Relacións Exteriores da USC continúa este xoves 13 o seu programa de actividades coa mesa redonda ‘Encontro’ na que participan mulleres que, a través da súa experiencia directa ou de apoio a outras, amosarán a situación das solicitantes de asilo e refuxiadas, dando visibilidade á súa problemática específica e explorando horizontes de cooperación para a súa integración na sociedade de acollida.

A actividade, programada para as 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estará moderada por María do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC. Contará coa participación de Suelma Beiruk, presidenta do Grupo Parlamentario Saharaui no Parlamento Africano; Fadile Tibisay, encargada da asociación sirio-galega en pro das persoas refuxiadas sirias en Galicia SAWT, e a solicitante de asilo procedente de Venezuela Katherin A. Belgrave.

Exposición
A Semana da Integración arranca este mércores ás 20:00 horas no Colexio de Fonseca coa  inauguración da mostra ‘Persoas’ de Patricias Muñiz e Gabriel Tizón, que conxuga fotografía e investigación para afondar nas consecuencias dos movementos migratorios involuntarios e as crises humanitarias que se desencadean debido a conflitos bélicos, catástrofes naturais e cambio climático.


Ciclo de cinema na Sala Numax
O programa de actividades inclúe tamén un ciclo de cinema na Sala Numax cunha escolma de filmes de ficción e documentais sobre a temática transversal da Semana da Integración, con sesión gratuítas, previa retirada de entradas na propia sala.

O venres 14 proxectarase ‘ZUK’, documental do cineasta Unax Blanco, que amosa catro historias que se van entrelazando en diferentes escenarios, de voluntarios de asociacións vascas que traballan para aliviar o sufrimento de persoas refuxiadas.

‘Unha tempada en Francia’, de Mahamat-Saleh Haroun, que se proxectara o mércores 19 de xuño, narra a historia de Abbas, un profesor de francés que fuxiu da guerra na República Centroafricana para comezar unha vida nova en Francia.

Para pechar o ciclo, e coincidindo coa celebración do Día Mundial do Refuxiado, o día 20 de xuño, proxectarase o filme do director finés Aki Kaurismaki, ‘O outro lado da esperanza’, ambientada en Helsinki e que narra a historia do refuxiado sirio Khaled.

Banco de realidade virtual na Concepción Arenal
Ademais, a Cruz Vermella utiliza as novas tecnoloxías e a realidade virtual na iniciativa ‘Red vr Bench’ para achegar a situación das persoas refuxiadas de Siria á sociedade europea a través dun banco que contén dúas gafas de Realidade Virtual 360º e co que se pretende sensibilizar mediante un vídeo gravado no verán de 2018 no Líbano. Esta actividade estará aberta ao público os días 12 e 13 de xuño en horario de 11:00 a 19:00 horas e o 14 de xuño en horario de 11:00 a 18:00 horas.

UNINTEGRA
UNINTEGRA é un proxecto co financiado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. O principal obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.