Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo I+D Farma promove o novo proxecto internacional ORBITAL enfocado ao tratamento de enfermidades do segmento posterior do ollo

Actualizada: 13-06-2019 12:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O proxecto conta entre os seus promotores co grupo I+D Farma da USC e á profesora Carmen Álvarez Lorenzo

O grupo I+D Farma da USC é un dos integrantes do proxecto ORBITAL, un novo proxecto María Curie Innovative Training Network enfocado ao tratamento de enfermidades do segmento posterior do ollo que acaba de recibir financiamento por valor de 4 millóns de euros da Unión Europea. Orbital confórmano un consorcio de 23 institucións europeas, americanas e canadenses no que se integran universidades, hospitais, empresas e asociacións sen ánimo de lucro dedicada a apoiar a persoas que sofren problemas de visión. Neste senso, a profesora Carmen Álvarez Lorenzo é unha das promotoras do proxecto dende o seu inicio, mentres o doutor Laurence Fitzhenry do Waterford Institute of Technology (Irlanda) é o coordinador da rede.

Coa posta en marcha de ORBITAL búscase potenciar a investigación sobre formas de administración de fármacos menos invasivas que as inxeccións intraoculares, centrándose en introducir melloras en colirios, lentes de contacto medicadas e dispositivos con microagullas. Dende unha perspectiva integradora das necesidades dos pacientes e os profesionais médicos, ORBITAL pretende capacitar investigadores novos en tecnoloxías innovadoras nun entorno multidisciplinar e transnacional, subvencionando 15 teses de doutoramento. Do total, o equipo da USC supervisará dende a Facultade de Farmacia dúas bolsas para a elaboración da tese.

O prazo para que as persoas interesadas presenten as súas candidaturas aos distintos proxectos predoutorais que se ofertan permanecerá aberto ata o 28 de xuño. Este proxecto internacional ofrece aos doutorandos e doutorandas a posibilidade de traballar en colaboración con investigadores moi destacados no seu campo, dende a perspectiva da aplicación clínica en beneficio dos pacientes, así como de levar a cabo estancias no entorno empresarial para formarse nos procesos de transferencia dende o laboratorio ata a clínica.