Saltar ao contido principal
Xornal

A Estación Científica do Courel promove os días 15 e 16 de xuño un Bioblitz para achegar á cidadanía a rica biodiversidade da zona

As persoas interesadas en participar na actividade, organizada en colaboración coa Deputación de Lugo e outras entidades, poden inscribirse de balde ata este venres

Actualizada: 13-06-2019 13:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do II Bioblitz Ancares-Courel

A Estación Científica do Courel celebrará os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Bioblitz Ancares-Courel, unha actividade entendida como experiencia de turismo científico ou prospección intensiva da biodiversidade, a través da que os seus promotores pretende achegar á cidadanía as potencialidades e a riqueza natural e paisaxística deste enclave da montaña luguesa.

 

O II Bioblitz Ancares-Courel, unha iniciativa promovida pola USC en colaboración coa área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, e o Concello de Folgoso do Courel, entre outras entidades e colectivos, antóllase como unha oportunidade para a que tanto naturalistas profesionais como afeccionados, así como outras persoas amantes da natureza, acheguen datos de interese para a ciencia e, sobre todo, de utilidade para a conservación da contorna natural courelá, logo dunha prospección intensiva da biodiversidade da zona durante 24 horas.

 

Trátase dunha intervención amena e respectuosa co medio ambiente, na que as diversas observacións fotográficas recollidas polas persoas participantes pasarán a formar parte dun inventario biolóxico fotográfico intensivo de flora, fauna e micobiota en varios espazos concretos de este territorio excepcional.

 

O II Bioblitz Ancares-Courel é unha das actuacións contempladas no convenio que manteñen o grupo de Sistemas Silvopastorais do da USC e a Deputación Provincial de Lugo, un acordo a través do que se procura avanzar na promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala o catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.

 

O prazo de inscrición para tomar parte no II Bioblitz Ancares-Courel permanece aberto ata o venres, ata completar as últimas prazas ofertadas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula de balde a través do enderezo de correo electrónico proxecto.micoloxia@usc.es ou a través do número de teléfono 982 823 137.