Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo Galabra organiza unha mesa redonda sobre a actividade comercial e empresarial en Compostela

Actualizada: 13-06-2019 14:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O grupo de investigación Galabra organiza este xoves 13 a mesa redonda ‘A actividade comercial e empresarial e o concello’ que reflexionará sobre a situación do comercio nas distintas zonas da cidade, a problemática de cada zona e tipo de establecemento, as características da cidadanía compostelá como consumidores así como sobre os efectos de visitantes sobre a actividade comercial. Esta é unha actividade que se desenvolve ao abeiro da exposición ‘ A Cidade, o Camiño e Nós’, aberta ao público dende o día 3 de maio no paseo da Alameda ao carón do monumento a Rosalía de Castro.

A mesa desenvolverase na Cámara de Comercio de Santiago (r/ San Pedro de Mezonzo, 44) a partir das 19.30 horas coa participación de Delmiro Prieto, secretario do padroado da Fundación Santiago Centro; o xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco; a secretaría de hospedade de Hostelaría Compostela, Rita Sobrado; Xosé Bermúdez, en representación da Praza de Abastos; o director de ElCorteInglés en Santiago, Alain Bernárdez; Celestino Criado, da Federación de Servizos de UGT; Carminha Naveiro, da Federación de Servizos de CIG; e unha presentación de Empresarios Polígono do Tambre. A profesor de Comercialización e Investigación de Mercados da USC Marisa del Río moderará a xornada.

A exposición ‘A Cidade, o Camiño e Nós’, executada en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, presenta resultados científicos obtidos ata o de agora por parte do Grupo de investigación Galabra, grupo especializado en estudos culturais con sede na Facultade de Filoloxía da USC e dirixido polo profesor Elías Torres. Estes resultados, obtidos a partir de 3.420 enquisas realizadas en Santiago de Compostela e área de influencia entre xaneiro de 2013 e abril de 2019, forman parte dun proxecto financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade denominado ‘Narrativas, usos e consumos de visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: O caso de Santiago de Compostela’.