Saltar ao contido principal
Xornal

O prazo para participar nos X Premios á Introdución da perspectiva de xénero da USC estenderase ata o 5 de setembro

Actualizada: 14-06-2019 11:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da décima edición do premio

Os Premios á Introdución da perspectiva de xénero da USC alcanzan a súa décima edición, constituída nunha acción consolidada entre as políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes concretamente en dúas das principais facetas da actividade de xeración e difusión do coñecemento, como son a docencia e a investigación. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘ Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea. Ademais está incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

A presentación de candidaturas poderá realizarse ata o próximo 5 de setembro. O xurado presidirao a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e conformarao ademais a directora do ICE, Ana Mª Porto; dous membros do PDI da USC de diferentes áreas de coñecemento e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo.

A convocatoria contempla dúas posibles modalidades de participación, dirixidas en ambos casos a membros e equipos de persoal docente e investigador da USC. A primeira para as accións innovadoras dirixidas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC. O seu contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. Deberá incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na Universidade e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior.

Na modalidade investigadora, premiaranse aqueles traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito de coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Para cada unha das modalidades outorgaranse ata tres premios cunha dotación económica de 1.000, 750 e 500 euros respectivamente. Os primeiros premios de cada modalidade están financiados polo Concello de Santiago.