Saltar ao contido principal
Xornal

Os centros Explorer USC de Lugo e Santiago premian con viaxes a Silicon Valley a estudantes de Medicina e da EPS de Enxeñaría

José Rodríguez e Carlos de Frías gañan o Explorer USC Santiago co proxecto ‘Bactidec’ e Andreina Mitsai Vargas e Daniela Lourenço, o de Lugo con ‘Timbersoul Innovations ‘

Actualizada: 14-06-2019 11:15
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes e gañadores da edición de 2019 dos centros USC Explorer de Santiago e Lugo

Os estudantes de Medicina na USC José Rodríguez Gago e Carlos de Fías Polo, como promotores do proxecto ‘Bactidec’, e Andreina Mitsai Vargas Carrión e Daniela Lourenço Dos Santos, alumnas do grao de Enxeñaría Civil na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo e impulsoras do proxecto ‘Timbersoul Innovations’, viaxarán a finais de outubro a Silicom Valley, a meca da innovación, co programa Explorer, logo de que as súas innovadoras propostas resultaran gañadoras nos certames da última edición do programa Explorer, unha iniciativa impulsada polo Banco Santander e que xestiona a USC nos seus campus de Compostela e Lugo a través da da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento.

 

 ‘Bactidec’, un dispositivo que permite a detección bacteriana de forma rápida en tecidos humanos previndo as posibles infeccións que se poden producir despois dunha intervención cirúrxica, e ‘Timbersoul Innovations’,  unha iniciativa de base tecnolóxica que pon en valor a madeira local ofrecendo un servizo integral de asesoramento e comercialización de sistemas estruturais innovadores e ecolóxicos, tamén resultaron finalistas dos centros Explorer USC de Santiago e Lugo, respectivamente, para competir en fase nacional na categoría Disruptive Technology Explorer Award. Esta modalidade, impulsada por Indra, ofrece aos finalistas a posibilidade de optar a 3.000 euros para o desenvolvemento do seu proxecto e asesoramento por parte de los profesionais de Indraventures.

 

Asemade, os membros dos xurados encargados de fallar os premios desta edición do programa Explorer na USC Explorer acordaron designar como finalistas para competir na fase nacional da categoría Woman Explorer Award os proxectos ‘Creando Cidade’, promovido no marco do USC Explorer Santiago por Sofía Gutiérrez Pereira e Pablo Sarmiento Neira, e ‘Sondeiquí’, impulsado desde o campus de Lugo por Laura López Lorenzo.

 

Os actos de presentación  e valoración dos diferentes proxectos presentados por parte dos xurados veñen de celebrarse esta semana en Compostela e Lugo e serviron de peche da edición 2019 dun programa xestionado pola USC e que posibilitou que máis de 49 emprendedores recibiran apoio, asesoramento e formación durante os últimos 5 meses.

 

Oportunidades na meca da innovación

Os premiados viaxarán o 31 de outubro a Silicon Valley, California, xunto a outros 55 emprendedores, un por cada Explorer Space que o programa posúe en toda España, Arxentina e Portugal. A axenda desta semana de inmersión no principal ecosistema de tecnoloxía e innovación do mundo inclúe visitas a empresas tecnolóxicas líderes como Google, Facebook, Apple ou Airbnb, masterclasses en universidades como Singularity University ou Standford e contacto con inversores. Xa de volta a España, esta expedición está citada na Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte, onde un xurado integrado por representantes do Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras seleccionará os gañadores nacionais de Explorer 2019. Os tres mellores emprendedores recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para que poidan acelerar os  seus proxectos.

 

Finalistas Woman Explorer Award USC 2019

Os proxectos ‘Creando Cidade’ e ‘Sondeiquí’, seleccionados polos xurados como finalistas para o premio Woman Explorer Award que patrocina a Fundación EY, optarán en novembro a un galardón de 20.000 euros. ‘Creando Cidade’ é unha empresa centrada na creación de informes con perspectiva de xénero para as urbes. O obxectivo é dar visibilidade a mulleres da cultura local que por méritos propios complementen a historia e contribuír así á creación de cidades máis igualitarias e con máis xustiza social.

 

‘Sondeiquí’ é unha iniciativa empresarial orientada a proporcionar aos mais exquisitos padais os mellores sabores de cada país producidos e comercializados en Galicia, de forma artesanal, ecolóxica e respectando o medio ambiente. Entre os seus produtos estrela producirase Huitlacoche Galego, un fungo que crece nos graos de millo e que en México, onde é orixinario, está considerado un manxar na alta cociña.

 

Outros finalistas

Outro dos proxectos finalistas foi ‘Jobtracker’, unha plataforma para a monitorización de procesos empresariais e de negocio orientada a mellorar o rendemento das empresas nas súas tarefas e promovida por no Explorer USC Santiago por Daniel Turiño Anido. Na sede luguesa tamén resultou finalista ‘Radis Ibérica’, unha empresa de innovación tecnolóxica especializada na medición, emisión de informes e minimización de gas Radon cunha app móbil asociada, promovida por Aitor Rego López e Ana Losada Lombardía.

 

Os dous proxectos gañadores do Woman Explorer Award tamén foron os terceiros finalistas de esta edición tanto en Santiago como en Lugo. Asemade, alén destas mencións todas as categorías contaron cun premio de Hosting dun ano e dominio por parte da empresa luguesa Raiola Networks. O programa Explorer, xestionado a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, conta na USC co centro situado no Edificio Emprendia de Santiago e coa sede aberta na Facultade de Ade de Lugo. O programa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía e Industria e, no caso de centro Explorer USC Lugo, co apoio da Deputación Provincial de Lugo.