Saltar ao contido principal
Xornal

USC e Fundación CEL renovan a súa alianza para favorecer a cultura emprendedora e trasladar os seus resultados á sociedade

O reitor Antonio López e o presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla, asinaron este luns a renovación do convenio que manteñen as dúas entidades

Actualizada: 17-06-2019 13:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio López e Luis García Santalla, na sede da Fundación CEL

O reitor da USC, Antonio López, e o presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla, renovaron este luns a colaboración entre ambas entidades a través da sinatura dun convenio que “ trata de favorecer a cultura emprendedora no seo da Universidade, ao tempo que contribúe a trasladar os resultados do coñecemento que se xera na USC cara o tecido empresarial e, en definitiva á sociedade, a fin de mellorar a calidade de vida da cidadanía”, segundo dixo López.

 

“A renovación desta alianza entre a Universidade e a Fundación CEL dá visibilidade a aqueles ámbitos nos que coinciden os obxectivos das dúas institucións, tal e como é a posta en valor dos resultados dos estudos e da investigación que xorden da Universidade y facer que esta achega se canalice e teña continuidade no sector empresarial”, comentou o reitor da USC.

 

O novo acordo asinado entre USC e Fundación CEL establece un marco de actuación en colaboración orientado a fomentar entre os membros da comunidade universitaria e outros investigadores vinculados a creatividade aplicada á empresa, o espíritu emprendedor e mesmo a capacidade para xerar riqueza e advertir novas oportunidades de negocio.

 

Alén destes obxectivos, o convenio fixa tamén os mecanismos a través dos que se facilitarán as ferramentas necesarias para a posta en marcha das iniciativas empresariais, a través da participación dos promotores universitarios implicados nas accións da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC tamén naquelas que se desenvolven na Fundación CEL coa mesma finalidade.

 

O acto da renovación desta xa longa alianza que manteñen USC e Fundación CEL rematou coa sinatura do reitor Antonio López no libro de visitas da entidade luguesa e cun posterior percorrido polas instalacións e o viveiro de empresas da Fundación CEL. Así, o reitor, que estivo acompañado pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; así como pola adxunta á citada Vicerreitoría para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e Patricia González Alonso, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC no campus de Lugo, tivo a ocasión de coñecer de primeira man as impresións e as liñas de traballo de emprendedores xurdidos da sede universitaria luguesa, como o son os promotores de novas iniciativas empresarias como o son 3edata, Smartwood ou Legalmit.


Outras imaxes


Visita a unha das empresas asentadas nos viveiros da Fundación CEL