Saltar ao contido principal
Xornal

A Facultade de Matemáticas acolle este xoves a entrega de premios do concurso de vídeos ‘Explícoche Matemáticas 2.0’

A decana Elena Vázquez Cendón presidirá a cerimonia de entrega, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas, na Aula Magna do centro universitario

Actualizada: 19-06-2019 14:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da convocatoria da oitava edición do concurso de vídeos 'Explícoche Matemáticas 2.0'

A Facultade de Matemáticas da USC acolle este xoves, a partir das 17.30 horas, na Aula Magna, a cerimonia de entrega de premios da oitava edición do concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’, un certame audiovisual promovido en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística do centro e a través do que se premian os mellores vídeos en galego cos que se explican e aclaran conceptos matemáticos.

 

A decana da Facultade de Matemáticas, a profesora Elena Vázquez Cendón, será a encargada de presidir este acto, no que se fará entrega aos gañadores dos premios fallados polo xurado dun certame que, nesta edición, recoñeceu os vídeos ‘A medición da liña costeira’, presentado pola alumna de 3º da Eso do Ies As Bizocas de O Grove María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, un documento audiovisual elaborado por Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da Eso no IES Celenova Celso Emilio Ferreiro. O vídeo presentado ao concurso que acadou a mellor valoración por parte dos internautas foi ‘Chiquicuriosidades’, realizado  por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de Eso no Ies Frei Martín Sarmiento de Pontevedra.

 

O alumnado galardoado nesta oitava edición do concurso de vídeos ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ recibirá, amén das diversas gratificacións económicas, como agasallo engadido e por xentileza da Editorial Xerais o libro Mate-Glifos, unha obra da que son autores os profesores universitarios Nicanor Alonso e Miguel Mirás, que presentarán e dedicarán o texto aos gañadores.

 

Logo de oito edicións, o certame audiovisual ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ compila un total de douscentos vídeos realizados por alumnado universitario e de ensino medio. Todos as candidaturas presentadas a concurso procuran rigor matemático, corrección lingüística, capacidade técnica e, sobre todo, creatividade e orixinalidade por parte dos autores para explicaren conceptos matemáticos en lingua galega, segundo indicaron os membros do xurado.