Saltar ao contido principal
Xornal

Alumnado do Máster en Servizos Culturais da USC presenta este xoves proxectos culturais para Lugo desenvolvidos no CulturaLab

O acto de presentación destas iniciativas culturais comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Facultade de Humanidades

Actualizada: 19-06-2019 14:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Facultade de Humanidades do campus de Lugo

Alumnado do Máster en Servizos Culturais da USC, un posgrao oficial dirixido pola profesora Carme Silva Domínguez, presentarán este xoves, a partir das 17.00 horas no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, tres proxectos ou iniciativas de dinamización cultural para a capital luguesa desenvolvidas no marco do CulturaLab.

 

Os alumnos do Máster en Servizos Culturais Tatiana Fernández, Gabriel Gómez e Beatriz Losada expoñerán os seus respectivos proxectos culturais no marco dun acto público no que estarán presentes destacados profesionais e especialistas da xestión cultural en Galicia, tal é como o son María Pereira, da Fundación Cidade da Cultura; Dolores Meijomín, de Agadic; Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtores Independentes, ou a xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago.

 

A presentación destes proxectos ou iniciativas de dinamización cultural servirán tamén de colofón do CulturaLab, unha iniciativa desenvolvida ao longo do presente curso no marco da que varias alumnas e alumnos do Máster recibiron formación específica orientada ao deseño dun proxecto cultural, na maior parte dos casos a partir da idea que eles e elas tiñan traballada de cara á confección do seu Traballo Fin de Máster.