Saltar ao contido principal
Xornal

Calidade, alta taxa de emprego e proxección internacional avalan a oferta títulos da USC no campus de Lugo para o curso 2019-20

Valcárcel, Otero e Cuesta presentan os selos internacionais EUR-ACE acadados polos graos en Enxeñaría Civil, Forestal e do Medio Natural e o máster en Montes

Actualizada: 20-06-2019 13:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Victoria Otero, Montserrat Valcárcel e Tomás Cuesta, na presentación dos selos de calidad EUR-ACE, na Vicerreitoría de Lugo

A USC ofrecerá o vindeiro curso 2019-20 no campus de Lugo máis de 30 titulacións de grao e posgrao, unha oferta ampla, en canto ao seu número, e heteroxénea respecto da súa temática, dado que abrangue todas as grandes áreas do saber, que está avalada por certificacións nacionais e internacionais que acreditan a súa calidade, así como pola elevada taxa de empregabilidade rexistrada polos seus titulados e tituladas, que tamén están a incrementar a súa pegada internacional, ben a través do recoñecemento das súas investigacións ben pola súa crecente incorporación a empresas e centros de referencia en I+d+i de todo o mundo.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, salientaron estas fortalezas da oferta docente da USC en Lugo na presentación dos selos internacionais EUR-ACE que veñen de acadar os títulos de grao en Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e o máster en Enxeñaría de Montes impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE). Esta acreditación europea garante que os títulos que a posúen teñen un alto grao de calidade e responden ás necesidades dos sectores profesionais fixadas pola European Network for Acreditation of Engineering Education (Enaee), precisou o director da EPSE, Tomás Cuesta.

 

Alén das certificacións europeas outorgadas a estes tres títulos do ámbito das enxeñarías, ás que cómpre sumar a renovación da acreditación da EAEVE para o grao de Veterinaria e as aprobacións dos sistemas de garantía interna de calidade xa expedidos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) á Facultade de Ciencias e á propia EPSE, Otero Espinar defende que “a calidade é sempre unha aspiración máxima da USC”.

 

O amplo abano de estudos ofertados pola USC en Lugo para o curso 2019-20, unha programación académica estruturada en máis de 30 títulos de grao e posgrao (14 graos, dous dobres títulos de grao e 15 másteres) que abranguen todas as grandes áreas do saber, foi outro dos activos destacados pola vicerreitora de Titulacións. Otero Espiñar sinalou ademais que a nova implantación do grao en Robótica contribuirá a potenciar a dimensión tecnolóxica da sede universitaria luguesa e favorece a súa cada vez maior implicación no desenvolvemento polo aeronáutico de Rozas, do mesmo xeito que o máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos que botará a andar o próximo curso na Facultade de Ciencias reforza a dimensión agraolimentaria do Campus Terra da USC e abre novas vías de inserción laboral para os futuros egresados e egresadas.

 

A alta taxa de empregabilidade dos titulados universitarios egresados do campus de Lugo constitúe, na opinión de Montserrat Valcárcel, un atractivo non menor para os mozos e mozas que están a decidir o seu futuro universitario. Os últimos datos feitos públicos pola Acsug destacan a alta demanda e inserción laboral dalgunhas enxeñarías, tales como o son os títulos de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural ou en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, lembrou Valcárcel, para logo referirse, á versatilidade que ofrecen os estudos empresariais á hora de incorporarse ao mercado laboral, á actual conxuntura favorable que deparan para os titulados en mestre as diversas convocatorias de oposicións para acceder aos distintos niveis do ensino público e mesmo ás novas oportunidades e perfís profesionais que se requiren no ámbito da xestión da cultura e da posta en valor do patrimonio.

 

A estes indicadores cabe sumar, engadiu Valcárcel, o traballo desenvolvido desde a Área de Inserción e Orientación Laboral da USC, un servizo que o pasado ano recibiu e xestionou máis de 1.000 ofertas de emprego e estadías en prácticas para alumnado e egresados/as do campus de Lugo, dixo.

 

O crecente grao de internacionalización da sede universitaria luguesa, na que este curso se formaron arredor de 170 estudantes estranxeiros procedentes de máis dunha vintena de países, a proxección global que reporta para este campus da USC os proxectos europeos de I+d+i con participación de grupos lugueses en consorcios internacionais, a non menos importante presenza de egresados do campus en centros de referencia, como é o instituto de investigación hortícola e agrícola de East Malling (Kent, Reino Unido) ou os recoñecementos que a Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal ás investigacións de doutoramento desenvolvidas na EPS de Enxeñaría constitúen, segundo relatou Valcárcel, algúns dos indicadores da puxanza do campus de Lugo da USC.


Outras imaxes